Domingo, 4 Maio de 2025

O Porriño amplia a partida de axuda alimentaria para as familias con menos recursos ata os 70.000 euros

O Concello de O Porriño anunciou a ampliación ata os 70.000 euros da partida destinada a atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas, partida que inicialmente estaba establecida en 20.000 euros. Os fondos están destinados a crubrir as necesidades das familias con menos recursos para que poidan abastecerse de alimentos frescos e produtos básicos de primeira necesidade.

As sucesivas prórrogas obrigaron a incrementar a partida económica, mediante crédito extraordinario. Ademais a previsión inicial de persoas a atender multiplicouse pola prolongada paralización económica que afecta gravemente a máis de 200 familias do concello, que precisan desta axuda de emerxencia.

David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais e Emprego non descartou que “teñamos que afrontar unha nova ampliación da partida para esta emerxencia social en caso de novas prórrogas do estado de alarma. É unha circunstancia que valoraremos”, engadiu David Alonso.

Para atender esta emerxencia, o Concello do Porriño establecera un contrato con un supermercado local para que as persoas e familias máis desfavorecidas puideran aprovisionarse deses produtos frescos e de primeira necesidade nos establecementos desa firma na rúa Ramón Gónzalez e tamén en Torneiros.

Coa achega municipal, as compras das familias máis desfavorecidas, que previamente valoraron os técnicos de Servizos Sociais, vanse descontando. A cada beneficiario da axuda, atribúeselle unha contía semanal que é o importe das compras que poden realizar no super.

Esta acción extra do Concello de O Porriño complementa á axuda periódica que distribúe o Banco de Alimentos “SOS Porriño” que tamén dobrou o número de demandantes a ta chegar a 300 familias.