Sábado, 3 Maio de 2025

Os Mercados de abastos de Redondela reinvéntase para facer fronte ao COVID-19

As prazas de abastos de Redondela e Chapela potencian os encargos telefónicos e o reparto a domicilio

A crise provocada polo COVID-19 e o cambio de hábitos provocado polo confinamento da poboación para evitar contaxios, vén de facer que os mercados de abastos de Redondela e Chapela adoptasen medidas para adaptase á nova situación. Así, distintos comerciantes de ámbalas dúas prazas de abastos veñen de poñer en marcha o servizo de compra telefónica mediante encargo e o servizo a domicilio co obxectivo de facilitar aos veciños e veciñas a adquisición de produtos de primeira necesidade dende os seus fogares.

O sistema de compra realízase a través de teléfono. Os distintos postos que se sumaron a este servizo facilitaron os seus números de contacto dende os que recibirán os pedidos dos seus clientes e recollerán os datos necesarios para facer chegar a domicilio dos seus produtos. As mercadorías tamén poden ser recollidas no propio mercado evitando colas innecesarias ou tempos de espera máis dilatados do recomendado. Os teléfonos poden consultarse na páxina web do Concello de Redondela.

Os e as comerciantes dos mercados de abastos que manteñen a súa actividade habitual, no horario matutino normal, están a seguir todos os protocolos establecidos polas autoridades sanitarias para garantir as compras seguras durante este período de estado de alarma. 

Os dous edificios que albergan os mercados do municipio son desinfectados asiduamente tanto no seu interior, coma en el exterior dentro das actuacións sobre espazos públicos que se están a levar a cabo no Concello de Redondela.

Ademais da finalidade de asistir aos propios veciños, moitos deles clientes habituais, quérese promover a compra de produtos de calidade de primeira necesidade no comercio local.