Desde o comezo desta crise, Cruz Vermella Española no Condado asegurou o mantemento dos seus programas esenciais e intensificou a súa actividade coas persoas máis vulnerables a crise sanitaria desatada polo COVID-19.
Desde a entidade mantiveronse e mantéñense activos programas como o da Campaña Especial de Seguimento, a través da que o persoal da Cruz Vermella desenvolve un seguimento telefónico a máis 9.000 persoas usuarias dos seus programas na provincia, identificadas como especialmente vulnerables ante o COVID-19, para informar, axudar e detectar posibles necesidades.
No que fai referencia ao Condado e Paradanta, a Cruz Vermella realizou máis de 800 chamadas ás 350 persoas de ámbalas dúas comarcas que participan habitualmente nas actividades organizadas pola entidade. Nestas tarefas estiveron traballando oito voluntarios e voluntarias da asemblea de Ponteareas.
No que fai referencia ao servizo de Teleasistencia, a Cruz Vermella do Condado sinala que as persoas beneficiarias seguen gozando do mesmo de igual modo que o facían antes do decreto do Estado de Alarma.

A Cruz Vermella do Condado, con base en Ponteareas, desenvolve tamén os traballos de distribución e entrega de alimentos e produtos farmacéuticos. Con esa actuación as familias en risco de exclusión social ven cubertas as súas necesidades básicas en alimentación, hixiene persoal e de fogar.
Nestas accións, a entidade atende a máis de 35 familias da comarca desde o inicio do estado de alarma. Ademais, un equipo de 12 voluntarios e voluntarias están especialmente preparados e formados para atender os recados e xestionar a compra das persoas máis vulnerables.
Doutra banda, realizanse campañas de Comunicación e Sensibilización en todas as canles da Cruz Vermella, poñendo ademais ao dispor de toda a sociedade un Curso Aberto e Gratuíto sobre o COVID-19 desenvolvido por Cruz Vermella, e que a día de hoxe xa foi realizado por 200.000 persoas en todo o país.
Finalmente, no que a Cruz Vermella da Mocidade fai referencia, as e os 21 menores que habitualmente atendense dende esa sección de Cruz Vermella seguen recibindo apoio educativo, formativo e de lecer a través do programa de Éxito Escolar de Cruz Vermella que agora será virtual. Do mesmo xeito tamén se seguen a facer seguimentos e se atenden as demandas que lles fan chegar ás familias á Cruz Vermella.
A Crua Vermella do Condado sinala que se manteñen en estreito contacto e coordinación “con outras organizacións, asociacións veciñais, culturais e concellos da zona, para atender os casos de extrema vulnerabilidade”.
A Cruz Vermella en Ponteareas xa está a formar a novos voluntarios e voluntarias que decidiron unirse á institución para axudar nestes momentos difíciles.