O Concello de Redondela xa ten no seu poder o proxecto básico e de execución da remodelación da Praza de Ponteareas que supoñerá a transformación total dunha das principais vías de entrada á vila para convertela nun espazo pensado para o goce da cidadanía dando prioridade aos peóns e con grandes zonas axardinadas. O proxecto, redactado polo estudo de arquitectura Gándara y Pons Arquitectos, integra no conxunto o monumental Pazo de Vilavella nunha gran praza central e que definirá o Camiño de Santiago como parte importante do patrimonio histórico e cultural de Redondela.
Os traballos faranse nun total de 8 fases de execución que, sumadas, ascenden a un importe de máis de 2 millóns e medio de euros. Trátase, en suma, de converter a Praza e a súa contorna nun “espazo amable” para a cidadanía, a través dunha nova ordenación do tráfico rodado e as prazas de aparcadoiro, xerando una mobilidade máis sustentable que incida na calidade do espazo urbano e a activación social, cultural e económica, garantindo a accesibilidade universal e aumentando a seguridade de peóns, en especial escolares e peregrinos que cada ano visitan o Concello.
[su_image_carousel source=”media: 13512,13510,13509,13508,13507,13506″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
A primeira fase, que terá un orzamento superior aos 700.000. euros, implicará unha reforma integral que inclúe unha renovación dos servizos públicos de abastecemento, saneamento e recollida de pluviais e unha importante modificación da cota existente. Renovarase a iluminación, incluirase novo mobiliario urbano e plantaranse un gran números de árbores.
Esta reforma será unha das principais actuacións que se desenvolverán durante o mandato do actual Goberno municipal e figuraba como “actuación prioritaria” no programa electoral da alcaldesa Digna Rivas.
“É irónico que Javier Bas anunciara que xa dispoñía deste proxecto na campaña electoral de 2015, cando o certo é que é agora, cinco anos despois, cando se transforma en realidade grazas ao traballo dos funcionarios e funcionarias deste Concello e ao interese e compromiso deste Equipo de Goberno por atender as necesidades da veciñanza”, indica a Alcaldesa, Digna Rivas.
A actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) cunha taxa de cofinanciamento do 80 %, e enmarcada dentro da liña de actuación para a promoción da mobilidade, accesibilidade urbana e mellora da seguridade viaria.
Agora, explica Digna Rivas, “o proxecto deberá ser supervisado polos técnicos municipais e necesitará informe favorable de distintos organismos como Patrimonio Cultural polo que, previsiblemente, a licitación das obras terá que esperar máis tempo do desexado”.