A proposta de construción dun novo edificio multiúsos nos terreos anteriormente ocupados polo colexio Igrexa, “debe ser máis ambiciosa para Chapela”, asegura o BNG de Redondela que lamenta que se deixara derrubar o inmoble “sen un estudo rigoroso de rehabilitación”. A proposta nacionalista pretende que ese edificio “manteña un claro contido asociativo e cultural, incluíndo novas dependencias para Servizos Sociais”.
Resaltan dende a forza nacionalista que o novo equipamento debe levar “un marcado selo de atención ás demandas de colectivos sociais e culturais”. Se en aseguran estar abertos a plantexar canto antes estas propostas, matizan que debe ser o Consello Parroquial de Chapela “o órgano que realmente leve o peso do proxecto”.
Unha das premisas que se debe solventar reside na máxima ocupación urbanística da parcela, posto que as zonas verdes para esta parte da parroquia están garantidas na urbanización da ‘Finca Ginaria’, que recolle terreos para espazos verdes e de lecer, afirman. Tal como se recolle nos medios, limitar a nova construción ao espazo que ocupan as vivendas escolares, “carece de visión de futuro”.
Igualmente plantexan desde o BNG que no proxecto se inclúan unha novas dependencias para Servizos Sociais, para prestar unha atención acorde ás demandas veciñais. “De pasar dos baixos do pavillón, disfrutarían dun lugar privilexiado neste novo edificio, visualizando perfectamente o cambio de modelo desta área”.
Pola súa banda o voceiro do BNG, Xoán Carlos González, considera que a partida económica relativa a este novo equipamento debería estar xa recollida no apartado de investimentos dos Orzamentos do ano 2021, “polos que levamos agardando tres meses” e cualifican de “oportunista” presentar un proxecto desta envergadura “a través dos medios de comunicación”.
Finalmente recorda o edil nacionalista que “na nosa concepción do espazo, debe caber o recordo e o recoñecemento das vítimas do feminicidio, simbolizada na veciña de Chapela Sesé Mateo”.