Sábado, 3 Maio de 2025

O PSOE de Ponteareas “tranquiliza” ao alcalde sobre o proxecto da N-120

O presidente da xestora local, Alfonso Porto, considera que as declaracións de Represas nas que amosaba a súa intención de seguir de preto o proceso "poden resultar oportunistas"

Ante as manifestacións realizadas polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas sobre a Nacional 120 e a circunvalación pendentes en Ponteareas, Alfonso Porto, presidente da Xestora do PSOE de Ponteareas lémbralle ao socio de Goberno de Ponteareas, que “o Partido Socialista non fai brindis ao sol e ahí están os feitos que o demostran”. Porto lembra que “hai unha licitación e un encargo xa concreto por parte do Ministerio” e que se trata do primeiro encargo que se fai para Galicia, traballo que é posible, engade o presidente da Xestora socialista, “polo traballo da Plataforma veciñal e o compromiso persoal de Gonzalo Caballero así como da Subdelegación do Goberno”.

O Partido Socialista considera que as verbas do alcalde de Ponteareas “poden resultar oportunistas” e transmítenlle, dende o PSOE, “a máxima tranquilidade xa que os procesos en marcha, tanto da Nacional 120 como da Circunvalación, terán todas as garantías legais, e nos trámites que así o permitan, escoitarase a opinión dos afectados”.

En todo caso, lamentan os socialistas que por parte de Xosé Represas “vóltese outra vez, ao igual que o Partido Popular, co tema dos cartos. Por iso vémonos na obriga de comunicarlle que o proxecto financiarase custe o que custe”. Alfonso Porto afirma que “non é serio” que un representante político, que coñece os trámites administrativos, “trate de crear polémica cando non a hai”. “Os cartos que se precisen invertiranse en Ponteareas”, afirma Alfonso Porto, presidente da Xestora socialista local.

Pola súa banda, a portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Chus Garrote, engadiu que “foi moi arduo o traballo realizado polo grupo municipal socialista, traballando cóbado a cóbado coa dirección nacional do PSOE e o propio Ministerio, representado na figura da Subdelegada do Goberno. As promesas cumpridas son a seña de identidade dun Goberno de España que cumpre con Ponteareas”.