Sábado, 10 Maio de 2025

Fernando Seadur presenta en Tui a súa mostra «As raigañas do Entroido»

Mañá ás 10:30 h haberá unha visita guiada cargo do propio autor. Poderá visitarse até o sábado 29

O anexo da Sala Municipal de Exposicións, na Área Panorámica acolle até o sábado, 29 de febreiro, a mostra ‘As raigañas do Entroido’ do fotógrafo Fernando Seadur. Mañá mércores, 12 de febreiro, ás 10:30 h haberá unha visita guiada á mostra a cargo do propio autor, xunto á concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente.

Nesta exposición reúnese unha pequena escolma do amplo arquivo, integrado por máis de 80 mil fotografías, sobre o Entroido galego realizadas por Fernando Seadur.

Fernando Seadur ten percorrido durante anos cada recuncho de Galicia inmortalizando coa súa cámara o Entroido máis rural e tradicional. Pero tamén ten fotografado romarías, curros e outras tradicións.

Este fotógrafo é natural da aldea de Seadur, no concello ourensán de Larouco, nome que emprega coma apelido profesional, e na actualidade está afincado en Gondomar.

A mostra está organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Tui, dependente da Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui.

A exposición pode visitarse de luns a venres de 9:30 h a 14:00 h e de 15:30 h a 21:00 h, e os sábados de 9:30 h a 14:00 h.