A concellería de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, que dirixe Rosa Covelo, procedeu nestes días á eliminación dun vertedoiro incontrolado no barrio de Confurco en Xinzo. “A cidadanía non precisa verter na vía pública porque para iso dispón dun servizo gratuíto de recollida e dun punto limpo cun amplo horario. A día de hoxe cos servizos de recollida e tratamento de lixo dos que dispón a cidadanía, non se poden consentir estas actitudes incívicas”, sinalou a responsable de Medio Ambiente.

Covelo pediu a colaboración da cidadanía “para conseguir unha vila máis limpa e rematar coa estampa dos enseres abandonados na contorna dos colectores de lixo fóra do día sinalado para a recollida”. A concelleira lembrou que os venres a primeira hora da mañá “o servizo de recollida de enseres atende á demanda da veciñanza polo que os obxectos non deben ser depositados xunto aos contedores antes dos xoves ás 21 horas”.
O servizo de recollida de enseres é totalmente de balde e ofrécese de xeito semanal tan só tendo que chamar ao teléfono 986 640 307.
Finalmente, Rosa Covelo solicitou tamén a colaboración cidadá “para denunciar este tipo de actitudes que afectan á boa convivencia e atacan ao medio ambiente”.