Sábado, 3 Maio de 2025

A «Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea» preséntase oficialmente este domingo no Auditorio de Ponteareas

Na presentación proxectarase o documental inédito «O Castro de Troña no Tempo» do arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro, director das excavacións do castro entre 1981 e 1991

O Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas será escenario, o vindeiro domingo 2 de febreito ás 18 horas, do que poderíamos cualificar sen temor a equivocarnos, como un dos acontecementos culturais de máis importancia e, sobre todo, transcendencia dos últimos tempos: a presentación oficial da ‘Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea’.

O acto, como se a propia presentación non fora suficiente, contará cun extraordinario aliciente como é a proxección dun documental, totalmente inédito, sobre o castro de Troña realizado pola propia asociación en colaboración co arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro, que foi director das excavacións do Castro entre 1981 e 1991, é dicir, o momento en que se comezou a poñer en valor o que hoxe é un dos xacementos castrexos máis importantes de Galicia.

Á presentación da Asociación contará coa colaboración da pianista Paula Carrera Silvas e os nenos e nenas, recibirán un pequeno agasallo como recordo deste acto. É, sen dúbida, un xeito importante de cara a inculcar nos máis novos a importancia do patrimonio que nos rodea, do seu coñecemento para, dende aí, poder traballar na súa posta en valor, protección e conservación. Esta é, en resumo, a razón de ser da asociación que o domingo ‘vístese de gala’.

Como toda idea que se prece, tivo xa os seus seus ‘ensaios’. Primeiro, a presentación ante os medios de comunicación para transmitir a súa idea, o seu proxecto vital que non é outro que, como afirmaban, “a protección, defensa e vixianza do noso patrimonio”. Logo, unha visita guiada por Xinzo da man de Juan Ibáñez Rodríguez, fondo coñecedor da parroquia e o seu patrimonio histórico e monumental e membro fundador da ‘Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea’

Quédalle á Asociación, un longo percorrido de duro traballo, sacrificado e a meirande parte das veces anónimo. Trátase, de xeito silencioso e sen aspavientos de preservar, conservar e poñer en valor o enorme patrimonio que ten o Val do Tea. Patrimonio na máis ampla interpretación da palabra. Patrimonio cultural, histórico e tanxible, si. Pero tamén patrimonio de historias, lendas e contos que forman parte da nosa propia identidade como pobo.

O dito. O domingo Ponteareas e as comarcas do Condado e A Paradanta deberían ser quen de encher o Auditorio ponteareán e obrigar á Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea a colocar o cartel de “non hai localidades”. Non o dubidamos nin por un instante que así será. O domingo ás 18 horas, temos todos e todas nós, unha cita ‘co noso’ e con aqueles que, de xeito altruísta, loitan pola súa defensa.