O Pleno do Concello da Cañiza aprobou o texto dun novo convenio entre o Concello e o Club Balonmán Cañiza, sinatura que prorroga a colaboración subscrita por primeira vez con carácter oficial o 21 de abril de 2022 e que se resume na achega de 20 000 €uros para a anualidade 2024 a pagar en 12 cotas de 1666,67 € ao mes.
Amais da axuda monetaria, o convenio asinado polo alcalde Luis Piña e o presidente do club, Marcos Estévez, recolle tamén que o Club Balonmán Cañiza poida utilizar e explotar o pavillón Carballo do Marco e a posibilidade de poder instalar establecementos nos festexos locais para obter beneficios, sempre destinados a sufragar as tempadas deportivas, sen ter que abonar ningún tipo de taxa ao Concello.
No acto de sinatura do convenio, alcalde e presidente do Club Balonmán Cañiza estiveron acompañados por concelleiros do grupo de Goberno do Concello, xunta directiva do Club, cadro técnico e adestradores, xogadores de todas as categorías, pais e nais, socios e afeccionados do deporte.

Luis Piña, na súa intervención, quixo felicitar a toda a familia do Balonmán Cañiza polo extraordinario labor desenvolvido en favor da educación deportiva da infancia e mocidade, polo seu ilusionante proxecto deportivo, pola capacidade do Club para conseguir que toda A Cañiza envórquese co Balonmán e, por suposto, polos éxitos alcanzados nestes anos.
Neste punto o alcalde quixo ponderar o valor da participación no deporte, manifestando que “un dos obxectivos máis importantes de calquera disciplina deportiva é conseguir promover a participación. Unha actitude mesmo máis valorada que gañar ou ser os vencedores. E este é un dos principais activos do CBC”.
Na firma, Luis Piña tamén agradeceu ao Club por dar visibilidade á Marca Cañiza. Un compromiso que asume en cada desprazamento e en cada partido que disputa e que volveu renovarse co convenio asinado, un convenio que para o alcalde “achega unha forte estabilidade económica ao CBC”, xa que ten asegurado un pago mensual do Concello de 1666,66 €”.
Luis Piña lembrou que ademais desta axuda económica, o Concello investiu no último mandato máis de 170 000 € en reformas e equipamentos no pavillón Carballo do Marco, instalación municipal na que adestran todos os equipos do Club e sede social do Balonmán Cañiza.
“O Concello destinou 50 000 € para a mellora da cuberta e eliminación de humidades –lembrou o alcalde da Cañiza–, 46 054,60 € para a reforma íntegra dun dos vestiarios e aseos, 25 000 € para a adquisición do videomarcador, aos que se sumaron outros 48 763,70 € da obra de reforma dos vestiarios. Tamén neste mandato conseguiuse poñer en funcionamento o sistema calefactor do Pavillón”.
“Ademais desde o Goberno seguiremos traballando para mellorar a calidade das nosas instalacións deportivas, sempre en beneficio dos nosos deportistas e dos nosos veciños”, concluíu Luis Piña.