Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán e Ovalmi incentivan a compra de agasallos no comercio local de cara ao ‘Día da Nai’

Recompilarán nunha guía para a veciñanza todos os comercios abertos que vendan artigos de regalo e aqueles que ofrezan a posibilidade de vales, compra online e entrega a domicilio

O Concello de Nigrán continúa coa sua campaña para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza apostando nesta ocasión pola compra de agasallos de cara ao Día da Nai o domingo 3 de maio, tal e como antes fixera con éxito polo Domingo de Pascua e coas tendas de alimentación ao inicio da crise do Covid-19. Así, xunto á asociación de comerciantes OVALMI recompilará nunha guía para a veciñanza todas aquelas tendas abertas de Nigrán que teñen posibles agasallos (viveiros, pastelerías, droguerías…) e tamén aquelas que ofrecen os seus produtos ou servizos a través da compra online e posterior entrega a domicilio.

Os negocios interesados en figurar nesta guía que se distribuirá a través de redes sociais e cartelería deberán enviar antes do martes 28 de abril ás 12:00 horas un mail a [email protected] indicando os datos básicos (nome da túa tenda e dirección, tipo de artigo ou servizo, posibilidade de compra online ou se permanece aberta e facilidade ou non de entrega a domicilio). O mesmo martes pola tarde comezará a distribución da cartelería en redes sociais e establecementos de Nigrán.

“Sabemos que a maioría das tendas permanecen pechadas, pero queremos promover se ofrecen compra online ou posibilidade de vales para consumir cando a apertura estea autorizada”, indica o alcalde, Juan González. “Cada un de nos ten a posibilidade de axudar ao pequeno comercio, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por eles agora”.

Campaña

“Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo con vida as rúas. Porque axudas as persoas emprendedoras a manter a boia os seus negocios. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque aínda que agora o tape a mascarilla sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas… :)”. Estes son algúns dos motivos que o Concello ofrece nas súas diferentes campañas para mercar no comercio de proximidade.