Mércores, 12 Febreiro de 2025

‘Mercadiyo’ de Sabarís, “o que a ti che sobra, outros o necesitan”

A avenida Julián Valverde de Sabarís acolleu na mañá de hoxe a presentación da segunda edición do rastro familiar ‘Mercadiyo’, festa da reciclaxe, que o pasado ano, na súa estrea, acadaou un notable éxito tanto de participantes como de público.

Baixo o lema “o que a ti che sobra, outros o necesitan” ao redor de 60 participantes expoñerán nos seus postos todo aquilo que se adoita gardar nos desváns. Entre os ‘tesouros’ que se poderán descubrir este domingo, 8 de setembro, na Avenida Julián Valverde de Sabarís, están pezas de roupa, accesorios, aveños domésticos, obxectos persoais… en resumo, todos aqueles elementos que, habitualmente, se teñen nas casas e xa non se utilizan, “pero poden ter unha segunda vida en mans doutra persoa”, sinalan dende a organización.

Esta segunda edición do ‘Mercadiyo’ conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de Baiona, que acolleron con gran entusiasmo o evento organizado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA).

Desde as 11 h ata as 21 horas unha infinidade de actividades paralelas, para todos os públicos, encherán a rúa. Instalaranse catro escenarios ao longo da avenida e cada un deles acollerá unha actividade.

Os materiais reciclados, a repostería e a música serán os tres alicerces sobre os que se sustentarán as actividades. Poderase gozar de talleres con materiais reciclados, talleres de repostería, música, concertos…

Este ano o Mercadiyo vira contorna a diferentes culturas, ‘4 escenarios …. 4 culturas’. Con isto, a organización busca mostrar a gran diversidade cultural que nos rodea, polo que animan “a quen desexe participar neste encontro intercultural, a poñerse en contacto con OVALMI”.

“O vindeiro domingo poderase gozar dunha bonita xornada de ambiente familiar e educativo na que os máis pequenos e os mozos poderanse concienciar da prolongación da vida útil das cousas, unha práctica que un tempo pasado era bastante común e que cada vez está máis en desuso”, conclúen os organizadores deste ‘II Mercadiyo’.