Alcaldes e alcaldesas dos 12 municipios portugueses e galegos bañados polo Miño reivindicaron, esta mañá, a reapertura de máis puntos de paso entre Portugal e España nesta zona fronteiriza para aminorar as moitas dificultades vividas por miles de traballadores transfronteirizos. As e os rexedores locais pediron tamén a apertura gradual das fronteiras para salvar unha economía transfronteiriza “que está a morrer”.
Nunha acción concertada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial ( AECT Río Miño), os alcaldes representantes de cerca de 150 mil habitantes exhibiron a palabra ‘SOS’ en plena Ponte Internacional da Amizade (Cerveira-Tomiño), transmitindo a ambos os gobernos unha mensaxe de asfixia económico-social.
O director do AECT Río Miño, Úxio Benitez, subliñou a “enorme inxustiza” sentida por estas poboacións, colocando “a fronteira máis dinámica de toda a Europa” dependente de “un funil” en Valença-Tui, referíndose ao único punto de paso autorizado polos gobernos. “Estamos a asistir a graves prexuízos financeiros e de desgaste emocional entre os traballadores transfronteirizos, que son obrigados a facer centenares de quilómetros diarios de máis, con custos engadidos”, adiantando que “é necesario ollar coa debida atención para a singularidade deste territorio transfronteirizo”.
O vicepresidente da agrupación territorial e alcalde de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, reiterou que, de entre as 64 fronteiras existentes entre Portugal e España, das cinco máis movidas, tres están nesta rexión (Valença-Tui, Monção-Salvaterra e Cerveira-Tomiño) “por onde pasan metade, ou máis, da circulación rodada entre os dous países”. “Non estamos a querer facilitar en termos de saúde pública e de seguranza, mais é posíbel a apertura de máis puntos de paso mediante un reforzo da vixilancia e control policial e das condicións sanitarias, tal como se fai entre Valença-Tui. Se tivermos máis puntos, hai a garantía de maior seguranza pois evítanse filas interminábeis e grandes concentracións nun único punto”.

“
“Nunca, nin nos tempos de ditadura, como Portugal e España viviron hai uns anos, se ‘construíu’ este Muro de Berlín”
Nogueira puxo o exemplo concreto da Zona Industrial de Vila Nova de Cerveira, “con 4.000 traballadores, dos cales 20 % son oriundos da Galiza e que están a ser branco de impactos catastróficos o seu día a día”, alén dunha economía que “dun modo xeneralizado está a morrer. Canto máis se prorroga esta situación máis difícil será a súa retoma normal”. “Nunca, nin nos tempos de ditadura, como Portugal e España viviron hai uns anos, se ‘construíu’ este Muro de Berlín. Os portugueses non viven sen os galegos, e viceversa, pois esta é unha verdade milenar”, asegurou.
Cuestionados sobre a situación epidemiológica como motivo para os gobernos centrais de Portugal e España manteren as fronteiras pechadas, ambos os representantes foron unánimes na resposta, clasificándoa de “falso argumento”. Úxio Benitez asegura que a situación sanitaria da Galiza “non é, nin nunca foi da mesma dimensión do que en Madrid” e que, neste momento, é moi semellante, “cunha evolución moi favorábel, coa existencia de poucos novos casos tanto no alto Miño coma na Galiza”, corroborou Fernando Nogueira.
A mensaxe SOS exhibida en letras grandes procurou chamar a atención dos gobernos de Portugal e España, solicitando “como mínimo, unha resposta plausíbel”, pois os alcaldes transfronteirizos consideran que, até ao momento, “ambos os gobernos non teñen axudado a superar esta crise nas fronteiras”.
Tras esta acción simbólica de protesta, de non haber resposta por parte dos gobernos, o AECT Río Miño admite continuar con iniciativas semellantes noutras fronteiras do río Miño, así como os alcaldes estudan non asinar o Auto de Recoñecemento de Fronteiras, un acto simbólico no cal os dous lados se xuntan anualmente, dende hai máis dun século, para formalizar a sinatura dun documento.
Constituído en febreiro de 2018 e con sede en Valença, o AECT Río Miño abrangue un total de 26 concellos: os 10 municipios do distrito de Viana do Castelo que compón a CIM do Alto Miño e 16 concellos galegos da provincia de Pontevedra. Nesta acción de protesta estiveron presentes 12 alcaldes representantes dos municipios máis ribeiríos e máis afectados por este fecho de fronteiras terrestres, en vigor desde as 23:00 do día 16 de marzo, debido á pandemia de Covid-19.