14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO AECT Río Miño lamenta o silencio do primeiro ministro portugués sobre...

    O AECT Río Miño lamenta o silencio do primeiro ministro portugués sobre a apertura da fronteira na súa visita de hoxe á zona miñota

    O vicedirector Uxío Benítez lembra que o territorio miñoto é transfronteirizo e subliña que “está moi ben ter un tren electrificado ata Lisboa, pero agora nin podemos ir entre Valença e Tui”

    O vicedirector do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Río Miño, Uxío Benítez, lamentou hoxe que o primeiro ministro de Portugal, Antonio Costa, visitase hoxe o territorio do Miño para anunciar o tren eléctrico entre Valença e Lisboa e non anunciase a apertura da fronteira nin as necesarias compensacións polo dano económico que está a causar o peche a persoas traballadoras e empresas dunha e doutra beira.

    Coincidindo coas peticións realizadas nas protestas de comerciantes e persoas traballadoras, Benítez salientou que “está moi ben ter un tren electrificado a Lisboa”, pero lembrou que a día de hoxe non se pode “nin ir entre Valença e Tui” a pesares de que as situacións sanitarias entre os concellos de ambas partes do Miño son moi semellantes. O vicedirector do AECT, de feito, cualificou o argumentario dado por Costa de non abrir a raia na zona do Miño -que iso implicaría abrir a fronteira con toda España, incluíndo os lugares onde a incidencia da COVID é moito máis alta- como “as desculpas de sempre”.

    Fronte a isto, o deputado nacionalista insistiu en que o territorio miñoto ten unha singularidade propia con respecto ao resto da fronteira entre España e Portugal, xa que asume o 50% dos tránsitos de vehículos a pesares de ter apenas o 5% da lonxitude total. Así mesmo, Benítez sinalou que nestes momentos a incidencia dunha e doutra beira é similar. Destacou que resulta absurdo esgrimir por parte do primeiro ministro portugués a necesidade dun peche sanitario cando a día de hoxe nos controis da fronteira o único que se fai é comprobar que a documentación das persoas que cruzan é administrativamente correcta.

    “Non se esixe nin unha PCR, nin se toman temperaturas, nin nada relacionado coa saúde. É un sinsentido sobre todo agora que se está a abrir a economía nos dous países e que se permite unha maior mobilidade. É unha cuestión de sentido común abrir este territorio”, subliñou.

    O representante do AECT lembrou que o territorio do Miño é transfronteirizo por historia e polas importantes relacións actuais entre as súas xentes, a cultura, e a economía e fixo fincapé en que a existencia das fronteiras como límites administrativos borrouse oficialmente co acordo de Schenguen en 1985. “É absurdo volver impoñer unha fronteira administrativa de novo por un suposto control sanitario que non é tal. Con este peche estanse a perder todos os avances acadados para ‘salvar’ a fronteira grazas á cooperación transfronteiriza”, insistiu.

    Benítez aproveitou novamente para amosar o seu apoio a todas as persoas traballadoras transfronteirizas e con empresas afectadas a un e outro lado da fronteira e sinalou que é preciso que os fondos europeos sirvan como medidas de compensación polo prexuízo económico, impulsando medidas dirixidas especificamente á recuperación socio económica da fronteira do rio Miño procedentes do Plan europeo de recuperación Pos-COVID (NEXT EU), así como do Marco Financeiro Europeo 2021-2027.

    Tamén esixiu a integración inmediata das persoas traballadoras transfronteirizas como beneficiarias dos mecanismos socioeconómicos aprobados polos gobernos de Portugal e España para afrontar o impacto da pandemia causada polo COVID-19 e que as empresas prexudicadas polos peches fronteirizos sexan igualmente elixibles nos seus propios mecanismos de recuperación.

    Benítez lembrou que o estudo do impacto socioeconómico encargado polo AECT Rio Miño á Universidade de Vigo sobre o primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugal revelou que se producirá unha caída do Produto Interior Bruto de máis de oitenta millóns de euros nos 26 concellos do territorio transfronteirizo do Miño só nese periodo. Subliñan que a caída derivada do efecto fronteira no comercio foi dun 14,18% sobre o efecto do confinamento, e na hostalaría e restauración foi dun 16,53%. “O prexuízo económico do actual peche será aínda moito maior”, insiste Benítez.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.