Mosquera, “que o ‘Album Nós’ quede no Museo é unha boa noticia para o museo, unha boa noticia para Pontevedra e unha boa noticia para Galiza”

O Museo incluirá as obras do rianxeiro grazas a un acordo coa coñecida familia pontevedresa Lino por 650.000 euros

“Que o ‘Álbum Nós’ quede no Museo é unha boa noticia para o Museo, é unha boa noticia para Pontevedra, e é unha boa noticia para Galiza”. Así o indicou hoxe o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, quen desvelou as condicións da compra da obra de Castelao logo de manter o pacto de confidencialidade cos propietarios ata formalizar onte a operación en Xunta de Goberno: O Museo de Pontevedra vai incorporar o ‘Álbum Nós’ de Castelao aos seus fondos grazas a un acordo coa familia Lino por 650.000 euros.

O pacto, que chegou dunha maneira rápida e sen grandes discusións, foi cualificado polo vicepresidente como “altamente beneficioso para o Museo dado que as obras de arte sempre valen o que estean dispostos a pagar os compradores”. “Neste caso unha colección completa deste tipo se se sacara a concorrencia pública ou subasta podería ter chegado a un valor bastante máis alto (…) e podería ter marchado fóra de Galicia. É unha grande noticia para o Museo, para Pontevedra e para Galiza”, subliñou.

Os termos da negociación, asegurou o vicepresidente, foron “moi fáciles”, dado que había unha valoración do seguro polo depósito das pezas para a mostra de 2016 e que, aínda que a familia tiña ofertas e expectativas que lle podían dar máis, había vontade de que quedaran en Pontevedra. “Síntense arraigados a Pontevedra e querían que quedara en propiedade pública”, apuntou o vicepresidente.

Mosquera fixo fincapé na discreción da propietaria da colección, María del Carmen Lino, e agradeceu específicamente á familia a súa comparecencia pública para dar conta. Subliñou que a relación de José Lino (pai da propietaria) con Castelao foi moi estreita e que, nalgún momento, o autor rianxeiro cedeu os orixinais en agradecemento. “Durante un tempo estiveron desaparecidos para o público, non agochados, mais no ano 2016, coa exposición que fixo o Museo sobre Castelao, descubriuse que eran os orixinais”, asegurou Mosquera.

Pola súa banda, o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, salientou a importancia da adquisición definitiva da colección para a institución, que se convirte no centro de referencia para o coñecemento da obra de Castelao. “O Álbum Nós é unha obra extraordinaria pola súa importancia na evolución artística e ideolóxica de Castelao”, insistiu Rey, que agora “perfeccionará” a relación do Museo con Castelao.

“Para o Museo sería unha traxedia que o depósito que tiña dende 2016 non se convertise en definitivo. Sería moi fácil que galeristas e coleccionistas puxaran. Esta era unha grande oportunidade para o Museo e agradezo á familia o seu desexo de solventar o acordo desta maneira”, finalizou.

A familia propietaria manifestou a súa satisfación pola súa permanencia da colección na cidade de Pontevedra. Enrique Domínguez Lino, un dos fillos da propietaria indicou que “o máis relevante en todo este tempo era poñer ao dispor de todos os pontevedreses e de todos os cidadáns a posibilidade de gozar destes debuxos, algo que quería tanto Castelao como a familia de José Lino Sánchez, sendo a cuestión da titularidade secundaria”.

Domínguez Lino explicou que a colección chegou a mans de María del Carmen Lino a través do seu pai José Lino Sánchez, quen mantiña unha estreita relación de amizade e confianza con Castelao, xa que ambos eran asiduos das reunións na casa de Antón Losada. En concreto, explicou o neto, Jose Lino Sánchez participou en 1922 xunto con Antonio Iglesias Vilarelle, Octavio Pintos e Filgueira Valverde na Xuntanza de Estudos e Investigación Históricas e Arqueolóxicas, un grupo de traballo creado por Losada Diéguez, precedente do Seminario de Estudos Galegos, no que Castelao exercerá como debuxante. Ambos tamén foron membros fundadores do Partido Galeguista, polo que José Lino atopábase entre as persoas do círculo máis próximo e de confianza de Castelao.

Desde 1928 ata 1936 Castelao e José Lino foron veciños, e tras o falecemento do seu fillo o matrimonio Castelao decide alugar un piso no edificio sito na rúa da Oliva propiedade da familia Lino, sendo frecuentes as visitas dun e doutro ás súas respectivas vivendas. “Foi nunha desas visitas onde Castelao regaloulle as 51 láminas a Jose Lino en recoñecemento ao seu traballo, lealdade e colaboración desisteresada con el. Aproximadamente fai uns 30 anos José Lino Sánchez regaloullas á súa filla María del Carmen Lino”, apuntou Domínguez.

O neto de José Lino confirmou que foi hai catro anos con motivo da exposición sobre a figura de Castelao cando a conservadora do mesmo Ángeles Tilve, sendo coñecedora da boa amizade que existía entre Castelao e José Lino, preguntoulle á familia Lino -a través da restauradora de pintura Mercedes do Campo- se tiña algún debuxo ou obxecto de Castelao para poder expoñer na exposición. “Acordáronse do sobre coas láminas que lle regalara o seu pai e que tiña gardado. Cedeullas temporalmente, en depósito, ao Museo coa gran sorpresa de que unha vez depositadas nas instalacións do Museo para a exposición de Castelao, o persoal Museo examinounas chegando á conclusión de que se trataba da colección Nós, cuestión totalmente descoñecida e ignorada pola familia”, afirmou Domínguez.

Unha vez aprobada a adquisición en Xunta de Goberno por parte da Deputación, procederase á exposición pública da operación durante 15 días habíles e despois asinarase oficialmente a compra ante fedatario público.