Domingo, 10 Novembro de 2024

Mondariz e Mos pasan a nivel 2 de restrición pola COVID logo da reunión do Comité Clínico desta noite e Redondela baixa ao nivel 3

O Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia vén de propoñer, na súa reunión de hoxe, que os concellos de Mos e Mondariz queden no nivel dous de restricións e que Redondela baixe ao nivel 3 que permite a mobilidade con toda Galicia agás con Mos e Pazos de Borbén –en nivel 2– e con Soutomaior que é o único municipio de Galicia que permanece no nivel máximo.

Mondariz e Mos, polo tanto, pasarán a ter as medidas restritivas que corresponden ao Nivel 2 con reunións de ata catro persoas non convivintes e coa hostalaría con apertura só nas terrazas, cun 50 % de ocupación e con peche ás 18 horas.

No que á mobilidade fai referencia, as veciñas e veciños de Mondariz só poderán desprazarse ata Pazos de Borbén (que se atopa no mesmo nivel) e a mesma circunstancia rexe para Mos que ten a Pazos de Borbén como único municipio limítrofe no seu mesmo nivel.

A baixada ao Nivel 3 de Redondela permitirá a apertura da hostalaría ata as 18 horas cun 50 % de ocupación nas terrazas pero tamén cun 30 % no interior. Amais poderá abrir instalacións deportivas como ximnaxios e piscinas e poderán realizar deporte xuntos ata catro persoas non convivintes pero sempre con máscara de protección.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do venres día 5 de marzo.