3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaGonzalo Caballero pon como exemplo de "estabilidade e progreso" ás deputacións de...

    Gonzalo Caballero pon como exemplo de “estabilidade e progreso” ás deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo

    O candidato socialista contrapón “a xestión eficiente e limpa dos fondos públicos” de Formoso, Silva e Tomé co “reparto clientelar e o amiguismo” da Xunta e de Baltar en Ourense

    O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, criticou que Feijóo “se poña medallas falando de estabilidade cando é a estabilidade dos cemiterios, a dun proxecto esgotado no que nada se move e non hai avance para a cidadanía galega”. Fronte a isto, puxo como exemplo aos gobernos das deputacións socialistas que “suplen as deficiencias dunha Xunta que non chega ao territorio”.

    Gonzalo Caballero rematou hoxe a súa rolda de visitas aos gobernos das grandes cidades e ao presidente da Fegamp cun encontro cos presidentes das tres deputacións gobernadas polo PSdeG, no que participaron Valentín González Formoso –A Coruña–, José Tomé –Lugo– e Pontevedra –Carmela Silva–. A continuación desprazarase a Arxentina, onde manterá un encontro co presidente do país o próximo xoves, ademais de verse coa colectividade galega no exterior.

    O líder do PSdeG puxo en valor a xestión dos socialistas nas deputacións provinciais fronte a un goberno galego “esgotado, no que nada se move e que non deixa avances para a cidadanía galega”. “Cando os galegos queiran pensar no futuro, que miren para as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e non á de Ourense”, recalcou, consciente de que alí se amosa o que pode ocorrer en Galicia tralo 5A.

    Ademais, Gonzalo Caballero destacou a xestión “con criterios obxectivos e unha xestión eficiente e limpa dos fondos públicos” nas institucións provinciais. Constrasta, dixo, co “reparto clientelar e a xeneralización do amiguismo” dende a Xunta ou co que ocorre en Ourense, onde “se mestura o caciquismo dos Baltar coa ineficiencia e o esperpento que conxuga o alcalde de Ourense” que puxo Feijóo.

    “Galicia quere cambio”

    Así as cousas, presentou as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra como “exemplos claros de como os socialistas somos capaces de conxugar a estabilidade, o progreso e o avance social, mentres Feijóo ten a estabilidade da agonía, da inacción e do fin de ciclo na Xunta de Galicia”. Fronte a esta Xunta ausente, dixo o candidato do PSdeG, son as deputacións provinciais as que “fan a política social e dan o respaldo á política educativa, de igualdade ou cultural coas que a Xunta non cumpre”.

    Neste contexto, censurou “o relato falaz de que o PP é o único que pode dar boa xestión”, que se “vén abaixo” co exemplo do trato aos concellos e ás deputacións, e destacou que “Galicia quere cambio”.

    Ao fío disto, Gonzalo Caballero anunciou unha “axenda de traballo dende a proximidade” para presentar “as diferenzas claras na forma de facer política” dun PSdeG que encabeza unha maioría progresista para “encauzar as desfeitas que deixa Feijóo logo de 11 anos de goberno”.

    “Desastre en materia de emprego”

    Así pois, presentou un “proxecto de país cun compoñente galego e galeguista ao servizo do país, coa prioridade nas persoas, nas políticas sociais, na sanidade, nunha verdadeira vertebración territorial e unha nova política económica que permita corrixir o desastre de Feijóo en materia de emprego”.

    Advertiu que “Feijóo non quere falar da súa desfeita en materia laboral e de por que en Galicia hai 70.000 traballadores ocupados menos que hai 11 anos mentres en España hai 680.000 máis”. A ese respecto, advertiu de que “cando un país perde poboación, tamén ten que ver coa perda de emprego e cun emprego de peor calidade”.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.