8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAreeiro lanza un aviso fitosanitario no que asegura que o pintado xa...

    Areeiro lanza un aviso fitosanitario no que asegura que o pintado xa comezou nas viñas de toda a comarca

    O persoal da EFA tamén pon o foco na vixilancia ante o posible avance da botrite e recomenda prestar especial atención a aqueles buxos que teñan eirugas

    A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que fai referencia ao mildio e pon de manifesto que na maioría das viñas de todas as comarcas o pintado ou ben xa está bastante avanzado ou ben está a iniciarse. Con todo, aínda non está xeralizado, polo que existe un mínimo risco de danos ás uvas nalgúns predios. Segundo o observado polo persoal da EFA os síntomas a nivel dos acios limítanse a algúns rebuscos, mentres que a situación nas follas é variable. Ademais, dada a gran frondosidade que hai este ano de forma xeral nas viñas, non prevén que perigue a maduración das uvas e recomendan non tratalas, salvo excepcións.

    Posta de Lobesia –frecha azul– e uvas afectadas podre

    Do mesmo xeito, dende a Estación indican que é convinte manter aínda a vixilancia do oídio nos predios con danos históricos e naqueles con danos anteriores nesta campaña posto que a uva non acadou o pleno pintado. En canto á botrite, o persoal da EFA atopou nas súas visitas algún síntoma deste fungo en dous predios, menos do esperado tendo en conta as condicións climatolóxicas que se rexistraron. Polo tanto, tendo en conta as previsións meteorolóxicas para os próximos días, afirman que basta con eliminar os acios e grans con danos nas viñas que estean en bo estado fitosanitario e, do mesmo xeito, poderase aplicar un tratamento dirixido aos acios para evitar posibles danos naquelas viñas onde haxa feridas nos grans. Ademais, dende a Estación destacan que nesta semana tamén se observou un certo aumento de síntomas das avelaíñas do acio, pero moi lonxe do limiar que xustificaría unha intervención.

    Para localizar eirugas Cydalima pode precisarse abrir niños de follas

    O persoal da EFA tamén destaca no seu aviso capturas moi baixas de cicadelidos nas trampas, así como do número de ninfas atopado nas follas, o cal cualifica de testemuñal. En canto á erinose destacan que se está a manter estable tal e como o fai tamén o número de plantas con síntomas de patoloxías da madeira. Nalgunhas destas plantas si que se observan brazos illados completamente secos, que xa poden ser eliminados pero gardando as precaucións das boas prácticas de poda.

    Neste primeiro aviso de agosto, a Estación tamén fai mención ao buxo e destaca que segue a haber eirugas dos últimos estados nas sebes que o seu persoal ten visitado. Malia que os síntomas permaneceron estables esta semana recomendan incrementar a vixilancia, en especial se as plantas están débiles ou con síntomas importantes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.