A Xunta intensificará a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas marxes de distintas estradas de titularidade autonómica da provincia de Pontevedra nas comarcas do Condado e A Paradanta, Baixo Miño e na via de alta capacidade Tomiño-A Guarda. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, realiza estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Ás actuacións previstas no Condado-Paradanta, Vigo-Baixo Miño, e na vía de alta capacidade C.G.- 4.2, en Tomiño e na Guarda, engádense as que se realizarán na vía de alta capacidade PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co polígono industrial de Balaídos.
As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario. Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.