Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta estende o peche perimetral de Vigo a Redondela, Mos, O Porriño e Nigrán e pecha a hostalería

O peche perimetral que sufría a cidade de Vigo e que onte a noite ampliábase, afectará dende o venres ás 15 horas, aos concellos limítrofes como Redondela, Mos, O Porriño e Nigrán, incluídas no que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, definiu hai uns minutos en rolda de prensa como a “améndoa perimetral”, peche que se realiza, en todo caso “dende un punto de vista sanitario” logo de ver a escalada de contaxios.

Así pois, o que se pecha perimetralmente, non é o municipio de Vigo, senón toda a contorna da área marcada por Redondela, Nigrán, O Porriño e Mos, coa cidade olívica no centro.

A esta restrición engádese o peche da hostalería nun intento, afirmóu o presidente galego, “de salvar a campaña de Nadal” con medidas drásticas que permitan, antes do comezo da mesma, unha redución na escalada da Covid-19 e que, de conseguila, bares e restaurantes poidan afrontar esas datas coas súas portas abertas, aínda que é de supoñer que con restricións.

Na comparecencia ante os medios, Núñez Feijóo salientou que incluir aos concellos limítrofes ou dentro da ‘área’ de Vigo nesa “améndoa perimetral” tiña sentido dende o punto de vista da intensa interrelación laboral, comercial e industrial que mantén a cidade olívica cos municipios da súa contorna. En todo caso, insistiu o presidente da Xunta, “a medida dítase dende criterios sanitarios dado o incremento de casos en todos os municipios limítrofes”.

Alberto Núñez Feijóo, puxo como exemplo esperanzador, o do Carballiño “non que se chegaron a dar máis de 1.000 casos e que coas medidas adoptadas e, no período dunha semana, conseguiron rebaixarse ata un 75 %”. Recoñeceu o presidente que “non foi fácil tomar unha medida deste alcance” e sinalou que aínda tendo marxe para esperar un pouco máis “o crecemento de contaxios, nalgúns casos do 100 %” facían necesario adoptar esta decisión antes de que a situación fora moito máis complicada e perigosa.

Núñez Feijóo, que pediu a colaboración e responsabilidade cidadá, sinalou que se manterá unha estreita vixilancia sobre o cumprimento das normas porque, engadiu, “non tería sentido que o baixo dun edificio teña unha cafetería pechada mentres nos pisos celébranse reunións de persoas non convivintes”.