Domingo, 4 Maio de 2025

A Xunta destina 31 M€ á vialidade invernal e á conservación da rede de estradas autonómicas en Pontevedra nos vindeiros catro anos

Os contratos, que se atopan en fase de baremación, aumentaron un 15% e garanten o servizo por catro anos máis un de prórroga

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vai destinar máis de 31 millóns de euros ás accións de conservación ordinaria e vialidade invernal da rede de estradas autonómicas da provincia de Pontevedra durante os vindeiros catro anos.

O delegado territorial, Luis López, informou deste investimento, que se atopa en fase de contratación, nunha visita ao centro de conservación de Pontevedra, onde destacou que o Goberno galego incrementou un 15% esta partida “para garantir que as estradas estean nas mellores condicións e os usuarios das vías autonómicas se atopen seguros e atendidos do mellor xeito posible”.

A Consellería de Infraestruturas sacou a licitación dous concursos públicos a través de senllos lotes. O correspondente coa zona de Pontevedra Norte, que conta cun orzamento de 17,3 millóns de euros para a atención de 776 quilómetros, recibiu 18 ofertas, mentres que o de Pontevedra Sur, licitado por 13,7 millóns para 495 quilómetros, conta con 17 propostas.

Ambos procedementos, que recollen a contratación do servizo por espazo de catro anos aos que se podería engadir outro de prórroga, atópanse en fase de baremación de ofertas e procederase á súa adxudicación nas vindeiras semanas.

Os operativos previstos nas dúas zonas da provincia contemplan un dispositivo con 85 persoas, 25 vehículos, 30 máquinas pesadas e 81 lixeiras de xeito xeral, así como oito cuñas quitaneves, cinco esparexedoras de sal, dous estendedores de salmoira e 10.000 toneladas de fundentes para a vialidade invernal, que se desenvolverá, como é habitual, entre os meses de novembro e abril.

Os traballos coordinaranse dende os tres centros de conservación e os dous subcentros de atención á vialidade e roldarán os 15.249 quilómetros de desbroces, 12.400 toneladas de firmes bituminosos, 4.606 quilómetros de marcas viarias e 868 sinais verticais.

As tarefas a desenvolver ao abeiro destes contratos contemplan a drenaxe, sinalización, reposición de barreiras de seguridade, rozas, renovación de pavimentos, sostemento dos noiros, atención en desperfectos das infraestruturas, emerxencias e accidentes, labores de vixilancia e inspección e mantemento axeitado das vías ante condicións climáticas adversas.

“O elevado volume deste investimento, que ademais aumenta considerablemente, confirma a aposta da Xunta pola mobilidade segura e polo bo estado dos 1.271 quilómetros das infraestruturas viarias autonómicas da provincia de Pontevedra”, especificou o delegado territorial.