10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA veciñanza do Baixo Miño di "non" ao uso de herbicidas nos...

    A veciñanza do Baixo Miño di “non” ao uso de herbicidas nos espazos públicos

    Máis dunha ducia de persoas, preocupadas pola utilización de herbicidas en espazos públicos, únense para erradicar o seu uso na bisbarra do Baixo Miño por parte da administración.

    A pasada fin de semana, un grupo de persoas do Baixo Miño mantiveron a primeira reunión do recén creado ‘Grupo Antiherbicidas do Baixo Miño’, formado por máis dunha ducia de persoas que se unen para loitar contra o uso de herbicidas por parte da administración nos espazos públicos: estradas, camiños, etc.

    Na xuntanza trataron e acordaron os pasos a seguir para que os concellos do Baixo Miño sexan libres de calquera uso de herbicidas por consideralos prexudiciais para a biodiversidade, para a saúde das persoas e para os animais domésticos.

    Actualmente, os herbicidas son utilizados para a eliminación de vexetación polas institucións públicas, principalmente nas estradas. Ante este uso, este grupo amósase en contra da utilización con dito fin, propondo como un posible sustituto a esta técnica o uso de man de obra, fomentado así o emprego e respectando o entorno.

    Precisamente nunha das últimas fumigacións con este sistema levada a cabo no pasado mes de setembro, resultou afectado un veciño da Guarda que foi trasladado en ambulancia dende o servizo de urxencias da Guarda ao Hospital Álvaro Cunqueiro (pode verse información do caso en www.anabam.org).

    A contaminación de acuíferos, a afectación da fauna e a destrución do medio son outras consecuencias que se denuncian con esta práctica.

    É por iso, que este grupo oponse totalmente a estas tarefas,  polo que, entre outras accións que se desenvolverán, está a de solicitar unha xuntanza con cada un dos alcaldes e alcaldesas de cada concello co fin de expresar a nosa preocupación por estes feitos. As medidas que se leven a cabo, xunto coa concienciación social, serán os primeiros pasos a seguir polos integrantes.

    O grupo continúa aberto a calquera persoa interesada en formar parte do mesmo, pois somos conscientes que soamente coa presión social seremos capaces de erradicar estas malas prácticas, para iso as persoas interesadas poden porse en contacto no enderezo anabam.anabam@gmail.com ou no teléfono 616 180 557.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.