Sábado, 3 Maio de 2025

A Audiencia anula a sentenza que condeaba a Audasa a devolver as peaxes cobradas a usuarios da AP9 afectados polas obras de Rande

A sección primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu o recurso de apelación interposto por Autopistas del Atlántico Concesionaria Española (Audasa) contra a sentenza do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra que a obrigaba a devolver as peaxes cobradas a usuarios da AP-9 afectados polas obras de ampliación da ponte de Rande, realizadas entre febreiro de 2015 e xuño de 2018.

O tribunal, polo tanto, revogou a resolución que acollía parcialmente a demanda interposta polo Ministerio Fiscal, á que se adheriron as asociacións Adicae e En Colectivo, así como particulares, contra a concesionaria.

Os demandantes sostiñan que a empresa incorreu nunha práctica abusiva prohibida pola Lei de Defensa dos Consumidores e Usuarios ao cobrar integramente a peaxe, a pesar de que no tráfico da autoestrada se xeraron problemas de fluidez como consecuencia da execución dos traballos. A Audiencia, con todo, considera que cando a normativa de consumo inclúe como obxecto de control de abusividade “as prácticas contractuais non negociadas individualmente” ten en conta unha realidade diferente á deste caso, no que se axuizan as condicións fixadas para a explotación dunha concesión administrativa. 

Así, o tribunal salienta que non se poden incluir no concepto de “prácticas abusivas” as incidencias concretas relacionadas co cumprimento do contrato de uso da autoestrada. Os xuíces entenden que non existe unha relación directa entre o pago da peaxe e as condicións nas que se presta o servizo. Desta forma, explican que a peaxe, como prezo polo uso dun servizo público xestionado por unha empresa, se fixa pola Administración en función de varios criterios, sobre os que non pode entrar a xurisdición civil. Así, lembran que os tribunais civís non poden exercer un control de razonabilidade sobre as condicións da concesión nin poden controlar a determinación do prezo.

A peaxe, segundo a sentenza, fíxase en virtude dun acordo entre a Administración e a concesionaria, os cales teñen en conta diversos factores, entre eles a incidencia das obras. O prezo que o usuario paga por usar a vía, polo tanto, “non retribúe, en proporción e equilibrio perfectos, a circulación segura e fluída no tramo correspondente”. Ante a realización duns traballos necesarios e obrigados nun tramo da autoestrada, segundo sinalan os maxistrados, “tómanse en consideración todos os factores para a súa execución, especialmente no ámbito económico e financeiro, cos previsibles inconvenientes que pode provocar na fluidez na circulación”. Así, subliñan que esa actividade “se desenvolve baixo a vixilancia e control da Administración”, á vez que resaltan que “non é función dos tribunais civís o examinar a bondade dos acordos relativos ao contrato de concesión, a valoración de se procede a redución das peaxes, en función das condicións en que se presta o servizo, acordar o seu aumento con carácter extraordinario ou incidir na duración do prazo da concesión”.

“Temos que insistir en que a peaxe ten un sistema de fixación moito máis global, con intereses económicos varios, no que o tempo da concesión é tamén elemento relevante, polo que se debe concluir que non existe unha relación directa entre concreta prestación do servizo a cada usuario e a peaxe que paga cada un”, sinala o tribunal. Na sentenza tamén lembra que “se trata dun contrato masa, que non conta con condicións xerais, e, desde a perspectiva do usuario, limita a súa liberdade para contratar ou non contratar, coñecedor de que en caso de asumir o contrato utilizando a autoestrada, tanto este como as condicións de uso regúlanse por normas administrativas”. Os maxistrados subliñan que exemplo destas limitacións é que o concesionario, unha vez terminada a obra, “carece de liberdade para fixar unha peaxe superior”.