Sábado, 3 Maio de 2025

A Asociación Forestal de Galicia compensa a súa pegada de carbono coa reforestación de montes afectados por incendios forestais

O Rexistro do Ministerio de Transición Ecolóxica acredita que o 100 % das emisións asociadas á actividade da AFG quedan paliadas por proxectos de absorción de carbono

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) vén de culminar o proceso de compensación da súa pegada de carbono, que inclúe todas as emisións asociadas á súa actividade, principalmente o asesoramento a propietarios forestais e comunidades de montes veciñais, tanto en monte como nas sedes da Asociación (Santiago e Ponteareas).

O Registro de Huella de Carbono, Compensación y Proyectos de Absorción de CO2, do Ministerio para la Transición Ecológica, vén de acreditar que a AFG compensou a súa pegada de carbono a través de proxectos de restauración forestal de montes afectados por incendios.

Polo de agora, a normativa en España establece dúas vías para as entidades e empresas que, dun xeito voluntario, no marco da súa Responsabilidade Social Corporativa, queiran compensar as súas emisións con proxectos de absorción de carbono. Esas vías son a reforestación de montes afectados por incendios forestais ou a plantación de superficies forestais que estiveran desarboradas cando menos desde o ano 1989.

En ambas liñas, o Registro do Ministerio calcula a absorción de CO2 dos proxectos tendo en conta o compromiso de permanencia da masa restaurada.

A compensación da pegada de carbono da Asociación Forestal de Galicia fíxose por medio do proxectos incluídos no programa Galicia Rexenera, co que a Asociación, en colaboración con comunidades de montes veciñais, está a impulsar a restauración de superficies forestais afectadas polos lumes.

Contexto

Tralos incendios forestais do outono do 2017, que devastaran máis de 50.000 hectáreas de monte en poucos días, a AFG impulso o programa Galicia Rexenera. Con esta iniciativa, actuouse na restauración de superficies afectadas polos lumes, coa posterior inscripción dos montes reforestados no Registro de Huella de Carbono y Proyectos de Absorción de CO2.

Unha vez que esas superficies quedan inscritas no Registro de Huella de Carbono y Proyectos de Absorción de CO2, coa validación do Ministerio para la Transición Ecológica, calquera entidade ou empresa interesada en compensar voluntariamente as súas emisións pode mercarlle ás comunidades de montes veciñais os correspondentes créditos de carbono xenerados por eses proxectos.

Este é o proceso que vén de completar a propia Asociación Forestal, do mesmo xeito en que o podería facer calquera entidade pública ou privada interesada en compensar as súas emisións de xeito voluntario.