Xoves, 1 Maio de 2025

Redondela opta aos fondos europeos para mellorar o acceso ao CEIP Laredo

O Concello de Redondela opta aos fondos europeos con grandes proxectos que se inclúen no PAI (Plan de Acción Integrado) un instrumento clave para abordar algúns dos retos destacados na Axenda Urbana. Pensando nos peóns, e especialmente na rapaza, inclúese no PAI o proxecto “Camiños escolares seguros”.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se trata de crear espazos para favorecer a autonomía infantil. A actuación abarcará aproximadamente 3.000 m² de superficie, co obxectivo de transformar a Rúa Manuel Rodríguez Casal nunha contorna “máis segura, accesible e amable para os peóns, especialmente para os nenos e nenas que estudan no CEIP Laredo”. Para iso crearase unha plataforma única, con medidas de redución de velocidade para o tráfico. Nun tramo dus 300 metros de lonxitude realizarase un cambio funcional, estético e ambiental. Este proxecto non só garantirá un acceso máis seguro ao CEIP Laredo de Chapela, “senón que tamén servirá como modelo para futuras intervencións de humanización noutros colexios do municipio, promovendo contornas urbanas adaptadas a colectivos vulnerables como a infancia”.

Como complemento á humanización levarase a cabo un proceso de naturalización da contorna para mellorar a calidade ambiental da zona e a integración paisaxística. Incorporarase vexetación autóctona para reducir o impacto ambiental, favorecer a absorción de CO2 e mitigar o efecto do calor. Instalarase novo mobiliario urbano e iluminación led eficiente, “co que se mellora tanto a seguridade nocturna como a habitabilidade do espazo”, apunta Rivas. Con este enfoque “non só se mellora a seguridade e comodidade dos camiños escolares, senón que tamén creamos grandes refuxios climáticos públicos”, conclúe a alcaldesa. O proxecto está orzamentado en 776.820 euros, dos que 466.092 corresponden á creación do camiño escolar e o resto, 310.000 728, para a mellora ambiental e mobiliario urbano.

O proxecto definiuse logo de reunións con diferentes axentes implicados e sesións de traballo coas áreas municipais. A través destes encontros, identificouse a perdida de autonomía da infancia hoxe en día e a necesidade de mellorar a seguridade e accesibilidade en contornas escolares, o que levou á incluír esta intervención no PAI da Axenda Urbana de Redondela.

O obxectivo deste PAI é “revitalizar e mellorar a calidade de vida , a accesibilidade e a sostibilidade urbana”. Entre os proxectos están o novo Centro Sociocultural de Chapela, a reforma do Mercado Municipal, o Museo Etnográfico Ángel Barros e obras de humanizacións e eficiencia enerxética. No casco histórico contémplanse actuacións para eliminar barreiras arquitectónicas e habilitar espazos de convivencia entre os cidadáns.

A alcaldesa sinala que son proxectos “estratéxicos para o futuro de Redondela” e asegura que sairán adiante “malia que os grupos da oposición votaron en contra en dúas ocasións, prexudicando así os intereses dos veciños e veciñas de Redondela”.

Rivas destaca “a madurez” dos proxectos seleccionados, que é un dos requisitos para poder optar aos fondos europeos. As propostas incluídas no PAI contan xa cos traballos técnicos avanzados para facilitar a licitación das obras. Son proxectos “realistas e moi necesarios para facer realidade nun prazo de entre 2 e 4 anos”, afirma a rexedora. Os fondos FEDER financiarían un 60% do custe dos traballos, e o 40% restante o propio Concello.