Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela leva a pleno a aprobación inicial do PXOM

O goberno local amplía a tres meses o prazo de alegacións e facilitará á veciñanza un servizo técnico de información e asesoramento todos os días da semana durante ese período. “A cidadanía contará tamén cun visor dixital na web do Concello para localizar de xeito sinxelo e cómodo as súas parcelas”, explica o concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro.

O Concello de Redondela levará o Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa aprobación inicial no pleno do próximo mércores, 21 de febreiro. O goberno local facilitará á cidadanía todos os medios dispoñibles para que, unha vez aprobado, a cidadanía coñezan o plan e poida facer as súas alegacións. O prazo que establece a normativa é dun período de dous meses, pero o goberno redondelán decidiu amplialo ata os tres meses “para favorecer que toda a veciñanza teña tempo de estudalo, saber como lle vai afectar e poida facer as alegacións que estime oportunas”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Durante os tres meses deste período de alegacións a cidadanía terá tamén á súa disposición aos técnicos nas dependencias municipais para explicarlles todo o relativo ao planeamento urbanístico e asesoralos. Este servizo estará dispoñible todos os días de luns a venres de 8:30 h a 14:30 horas. Para facilitar o acceso da veciñanza a toda esta información o Concello contratou tamén o servizo dun visor dixital ao que poderán acceder na páxina web do Concello, tanto desde as súas casas como acudindo á oficina de información do PXOM.

Dun xeito cómodo os veciños e veciñas poderán buscar a través deste visor as súas parcelas “cun funcionamento moi sinxelo e intuitivo”, apunta o concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro. Unha vez se aprobe no pleno o compromiso do goberno de Rivas é facer reunións informativas en todas as parroquias co equipo técnico redactor do plan “para resolver dúbidas e atender as inquedanzas da veciñanza”, afirma a alcaldesa. As alegacións poderán facerse a partir do día seguinte á publicación do anuncio de exposición no Diario Oficial de Galicia (DOGA).

Rivas afirma que desde que chegou á Alcaldía era consciente de que a tramitación do Plan Xeral debía ser a súa prioridade, “e traballouse coa empresa redactora, funcionarios e técnicos do Concello e o resto de grupos políticos para retomar os traballos e conseguir que o documento fose unha realidade”. Insiste en que se trata dunha decisión “responsable, baseada no traballo realizado polo equipo técnico redactor do Plan durante meses e necesaria pola situación na que se atopa a normativa urbanística do noso municipio, cunhas normas subsidiarias aprobadas en 1987 e totalmente desfasadas” afirma Digna Rivas.

A redacción do plan contratouse en 2015 á UTE formada por Jornet Llop Pastor, María Ríos Carballeira e Gabriel Jubete i Andreu.

En total durante o ano 2021 realizáronse máis dunha quincena de reunións técnicas e políticas, nas que participaron os técnicos redactores do documento, técnicos e persoal de urbanismo, así como todos os grupos políticos membros da corporación. “Temos claro que o PXOM é un documento da veciñanza, polo que no seu proceso era imprescindible contar co resto dos grupos políticos para redactar un documento claramente participativo, transparente e consensuado”, engade Rivas. Logo destes trámites a rexedora agarda que o próximo mércores, cando o PXOM sexa levado a pleno “poida contar co apoio de todos os membros que participaron na súa elaboración”.