Xoves, 1 Maio de 2025

Redondela humanizará a estrada de Porto Cabeiro cunha nova calzada e beirarrúas

O Concello de Redondela mellorará a seguridade viaria no tramo da estrada de Porto Cabeiro comprendido entre a N-555 e o camiño do Campiño, nas inmediacións do cruce onde se atopa o CEIP Porto Cabeiro. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que no marco que segue o Concello para crear contornas urbanas “máis accesibles e adaptadas ás persoas”, a humanización deste treito ten un dobre obxectivo, “por unha banda ordenar os espazos de forma máis equilibrada, dando prioridade ao peón, e por outra parte renovar e mellorar os servizos urbanos que se atopan en mal estado”.

A situación actual da rúa caracterízase por un estado de conservación deficiente debido
ao paso do tempo e ás sucesivas reformas parciais. A ausencia case total de beirarrúas, os parches e as intervencións illadas realizadas ao longo dos anos fan recomendable a renovación integral dos acabados. Tamén é necesario renovar a rede de drenaxe.

Esta renovación integral da estrada permitirá incluír un paso peonil seguro para facilitar o acceso ao CEIP Porto Cabeiro desde a N-555, cunha beirarrúa dunha das marxes da vía. A estrada ten un ancho variable, de entre 6,50 m e 9,00 m. A nova calzada terá 5,8 metros, con carrís de 2,75 metros cada un. A beirarrúa terá un ancho variable, de entre entre 1,1 metros e 3 metros. Tamén se incluirán elementos vexetais ao longo do itinerario. Os traballos licitaranse por un importe superior aos 530.000 euros dentro do plan +Provincia financiado pola Deputación de Pontevedra.

Renovación pista polideportiva CEIP Porto Cabeiro

A pista polideportiva ao aire libre do CEIP Porto Cabeiro conta actualmente cun firme de asfalto en malas condicións. Neste espazo, de máis de 900 metros cadrados, construirase unha nova pista de formigón pulido, que levará un tratamento para evitar esvaróns. Esta nova pista permitirá unha práctica do deporte máis cómoda e segura, tanto para o alumnado do centro como para a veciñanza da contorna que utiliza este espazo deportivo municipal. Estes traballos, que tamén se inclúen no plan +Provincia, contan cun orzamento de 48.000 euros, e unha parte será financiada con fondos municipais.