Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela facilita un ano máis a conciliación laboral e familiar con obradoiros de Semana Santa en Redondela e Chapela

As actividades desenvólvense o 3,4,5,10 de abril de 2023 en horario de 9:30h a 13:30h no Multiúsos do Piñeiral do Crego en Chapela e no Multiúsos da Xunqueira e está pensado para nenos e nenas entre 4 e 12 anos.

O Concello de Redondela a través da Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Alberto Álvarez e a de Igualdade, dirixida por Iria Vilaboa, desenvolve durante a Semana Santa actividades medioambientais enfocadas a nenos e nenas do municipio. Tralo éxito dos anos anteriores e co afán de seguir mellorando a oferta, o concello amplía as actividades do programa de conciliación de Semana Santa.

Este ano continuarán os obradoiros infantís de construción de caixas-niños para paxaros e dos ‘hoteis para insectos’ da Concellería de Medio Ambiente e engádense obradoiros da Concellería de Igualdade como manualidades sobre o mundo animal, xincanas con temática de Pascua e distintos xogos ”pensados dende a inclusión e a igualdade”.

“A iniciativa busca o dobre obxectivo de, por unha banda, concienciar aos nenos e nenas a partir dos 4 anos sobre a importancia do medio ambiente –centrándonos nas aves e os insectos como na pasada edición– para o equilibrio medioambiental e, por outra, permitir a conciliación laboral das familias durante as vacacións de Semana Santa”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

As actividades desenvólvense o 3,4,5,10 de abril de 2023 en horario de 9:30h a 13:30h no Multiúsos do Piñeiral do Crego en Chapela e no Multiúsos da Xunqueira coas mesmas actividades nos dous multiúsos pero en distintos días que poden consultar na páxina web ou no Facebook do Concello de Redondela. A inscrición, través dos rexistros municipais, está aberta para nenos e nenas entre 4 e 12 anos ata completar aforo, cun límite de 25 prazas por actividade. “A maiores, os nenos e nenas instalarán, na contorna da Alameda Castelao de Redondela e Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela, as caixas-niños e os hoteis de insectos construídas para participar de forma activa no ecosistema do municipio e involucrase máis no que lles rodea”, engade Rivas.

Con estas iniciativa en marcha e cos distintos obradoiros e campamentos que se fan todo o ano –durante o verán, O Entroido, Semana, Santa e Nadal para cubrir a totalidade das vacacións dos rapaces e rapazas–, non entende á alcaldesa Digna Rivas, as críticas do PP local sobre a falta de actividades que permitan a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños. “Unha vez máis, e xa non é novidade, o PP recorre a terxiversación da realidade coa clara intención de desgastar ao Goberno”, afirma Digna Rivas quen asegura que “fronte a iso, o Goberno socialista ofrece feitos concretos e datos irrefutables sobre a potenciación das actividades de conciliación”.

Lémbralle a alcaldesa aos populares redondeláns “que fronte ao mes de campamento de conciliación que ofrecían os Gobernos conservadores, o Goberno socialista realiza campamentos gratuítos durante os meses de xullo e agosto, incrementando polo tanto o orzamento destinado á conciliación, algo que eles non foron quen de facer”.

De feito o Concello de Redondela oferta, durante o verán, campamentos de conciliación, totalmente gratuítos, durante os meses xullo e agosto, e cun sistema de inscrición quincenal que permite a participación de maior número de nenos e nenas. De igual xeito, no Nadal o Goberno socialista optou pola ampliación dos campamentos de conciliación con iniciativas como ‘Quédome con Simona’ “que cobren a totalidade das vacacións escolares, e non só unha parte das mesmas como viña sendo habitual cos anteriores gobernos do PP”.