Mércores, 12 Febreiro de 2025

Redondela executou neste ano máis de 5,4 millóns de euros dos fondos europeos Edusi o que representa un 87 % do programa

O Concello de Redondela executou neste ano 2023 máis de 5,4 millóns de euros das axudas europeas de fondos EDUSI (5.432.801,84 €) nos diferentes proxectos subvencionados. Estes fondos da UE serviron para facer realidade importantes obras, mellorar infraestruturas municipais e poñer en marcha novos servizos tecnolóxicos para a cidadanía. Os traballos realizados supoñen un investimento total de 5.432.801,84 €, o que representa unha porcentaxe total do 87 % do programa.

Entre as obras executadas inclúese a urbanización da alameda Rosalía de Castro de Chapela e a súa contorna (490.869,77 €) e as instalacións deportivas do skatepark e baloncesto en Redondela e o skatepark na vía verde de Chapela (738.400 €). Mellorouse a mobilidade e a seguridade viaria coa renovación da Praza de Ponteareas (1.091.000 €).

Creáronse novas sendas verdes e paseos peonís que serviron para recuperar espazos naturais, como a Vía Verde para uso peonil e ciclista na antiga vía de ferrocarril de Chapela (806.084,47 €).

Outros traballos serviron para poñer en valor o patrimonio histórico e cultural de Redondela, como a conservación e mantemento do cemiterio dos Eidos (285.655,93 €) e a remodelación da oficina de Turismo e a aula Etnográfica no antigo conservatorio (343.887,64 €).

Outras melloras realizadas grazas aos fondos europeos EDUSI Redondela 2020 foron o acondicionamento e mellora enerxética da casa consistorial (530.435,21 €) e na oficina de Servizos Sociais de Chapela e o departamento de Atención á Muller ( 490.869,77 €).

Outro dos ámbitos de actuación dos fondos europeos son as novas tecnoloxías. Grazas á subvenció melloráronse as TICs no Concello para lograr unha Administración electrónica plena e transparente cos servizos de Smart Cities e unha nova plataforma para a veciñanza, así como novos enlaces de comunicacións e puntos inalámbricos (403.834,28 €).

No caso da rehabilitación das antigas casas dos mestres as obras demoráronse por mor de problemas atopados na cimentación, o que obrigou a adiar os traballos. Con todo, desde o Concello anuncian que “o novo museo etnográfico Ángel Barros previsto nesta edificación construirase igualmente e será unha realidade neste 2024”