Os Magos de Oriente estarán o día 5 de xaneiro en Redondela ao longo de todo o día. Co gallo da previsión de chuvia para o día de mañá os Reis recibirán aos nenos e nenas nunha carpa instalada no campo da feira de 11.00 h a 13.30 horas. Xa pola tarde, se o tempo o permite, realizarase a cabalgata itinerante polas rúas de Redondela dende as 18:00 h. En caso de choiva as carrozas manteranse na carpa do campo da feira de 17:30 h a 20:30 horas. Na carpa haberá moitas actividades, animación e sorpresas para que os máis pequenos poidan vivir a maxia do día de Reis.
A alcaldesa, Diga Rivas, afirma que este ano “celebrarase a mellor cabalgata de Reis da historia de Redondela nunha xornada que será máxica e chea de ilusión para nenos e nenas, xa que os máis pequenos merecen que fagamos todo o esforzo por eles”.
Desde a concellería de Cultura a concelleira Rita Pérez sinala que “este ano ampliouse a cabalgata, cun total de seis carrozas ambientadas en contos infantís e con moitas sorpresas, e será o mellor desfile de Reis na historia de Redondela”. Melchor, Gaspar e Baltasar estarán acompañados da Coca Simona, os Tres Porquiños, Cenicienta e Aladdín coa súa lámpada marabillosa, entre outros famosos personaxes dos contos. Haberá moita animación e sorpresas para crear “unha noite de reis máxica” e repartirase máis dunha tonelada de caramelos sen glute e sen alérxenos “para que todos os nenos e nenas poidan gozar destes doces”.
Como cada ano as Súas Maxestades recibirán tamén aos nenos e nenas na Casa do Concello a partires das 20.00 horas. O obxectivo do Concello deste ano é que as Súas Maxestades “estean a disposición dos nenos e nenas de Redondela ao longo de todo o día para conversar con eles e recibir as súas peticións nunha xornada máxica” sinala a alcaldesa Digna Rivas.