Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela conmemora o día da poesía cunha representación poética teatralizada de Aldaolado

O acto tivo lugar o mércores 22 no Multiusos da Xunqueira ás 12:00 horas e participaron 280 mozos e mozas dos tres institutos.

O 21 de marzo celebrouse o Día da Poesía, unha data que o Concello de Redondela considera de extraordinaria importancia “pola posta en valor da lectura e de todo tipo de xéneros literarios”. Para conmemorar a data, o Multiúsos da Xunqueira acolleu unha actividade para achegar a poesía á mocidade e que correu a cargo do dúo poético Aldaolado composto por Lucía Aldao e María Lado.

A alcaldesa Digna Rivas resaltou a importancia da xornada “pola responsabilidade que temos como pobo, da celebración da poesía ou da narrativa en lingua galega. Na nosa literatura contamos con grandísimos poetas, de antes e de agora. Os premios que recibiron autoras como Yolanda Castaño ou Gonzalo Hermo demostran a boa saúde da nosa poesía”.

Aldaolado está composto por Lucía Aldao e María Lado, dúas mulleres que xa levan unha traxectoria no eido da literatura en galego e que enfoca o seu traballo de forma divertida e educativa. Con elas, a través da poesía, do conto ou da música, os mozos e mozas redondeláns puideron gozar dunha verdadeira homenaxe á poesía.

Por este motivo, pola importancia da poesía e da lingua, o Concello de Redondela organizou este acto onde participaron 280 alumnos e alumnas dos institutos IES Pedro Floriani, IES Mendiño e IES Illa de San Simón. “Queremos agradecerlle ao equipo de dinamización dos institutos a súa proposta e toda a colaboración. Así mesmo agradecer ao profesorado por acudir a este acto e axudar a divulgar a poesía entre a mocidade”, conclúe Rivas.