Sábado, 3 Maio de 2025

O mércores 8 de maio comezarán os traballos de pintado e sinalización no Paseo de Cardona en Chapela

O Concello de Redondela informa que desde o mércores día 8 ata o venres día 10 de maio realizaranse traballos de sinalización horizontal e pintado no Paseo de Cardona, en Chapela. A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, informa que o tramo afectado vai desde o Centro de Deportes Acuáticos de Chapela ata o CEIP Laredo.

Na xornada do mércores día 8 estará prohibido o estacionamento en toda esta área para realizar traballos de limpeza, mentres que o xoves día 9 e o venres día 10 irase limitando o estacionamento por zonas. Nas proximidades do colexio o pintado realizarase o venres.

Os traballos consistirán no pintado das prazas de aparcadoiro, pasos de peóns e liñas da estrada. Roberto Villar sinala que esta sinalización xa estaba previsto realizala con anterioridade, pero tivo que pospoñerse ata esta semana por mor das chuvias.

Villar explica que estas labores realizaranse “reducindo en todo o posible os prexuízos que se poidan causar aos condutores e usuarios da vía”.