Xoves, 1 Maio de 2025

A Alcaldía de Redondela acusa a BNG e PP de buscar o bloqueo político do municipio

A falta de acordos entre o goberno local de Redondela e os grupos da oposición impide, desde o pasado novembro, a aprobación da retribución do concelleiro Alberto Álvarez, responsable das áreas de Medio Ambiente, Sanidade, Transición Enerxética, Participación Cidadá e Parroquias. Unha situación que a alcaldesa, Digna Rivas, lamentou publicamente este martes.

Rivas cargou contra a negativa do grupo municipal do BNG de negociar o salario do edil, acusando aos nacionalistas de condicionar calquera acordo á continuidade do seu cargo de confianza. Desde o executivo local aseguran que os informes técnicos determinan que o único xeito legal de manter dito cargo sería a través da súa inclusión nos orzamentos municipais, unha opción que o BNG tamén rexeita.

Durante os últimos meses, Rivas asegura que tentou achegar posturas co BNG en diferentes ocasións, sen éxito. Un dos episodios clave produciuse en decembro coa Axenda Urbana, que recolle proxectos como o paseo litoral de Cesantes, a reforma do Mercado Municipal ou o edificio sociocomunitario de Chapela. Porén, os socialistas aseguran que o BNG rexeitou apoiar o documento, condicionando o seu voto a favor con medidas que incluían á compra de “ducias de exemplares de Nós Diario”.

No pleno de xaneiro, o Bloque votou en contra tanto da Axenda Urbana 2030 como da retribución de Álvarez, coincidindo co PP nestes puntos. A comunicación oficial da ruptura das negociacións non chegou ao goberno ata o 12 de febreiro, malia que xa fora anunciada publicamente polos nacionalistas. Mesmo así, dende o executivo insisten en que se seguiron tentando vías de diálogo ata mediados de marzo, sen resultados positivos.

A alcaldesa declarou que “non se pode negociar con quen unicamente utiliza a chantaxe política”, e anunciou o cesamento inmediato do cargo de confianza do BNG no Concello, por considerar insostible a situación. “Non vou permitir que un compañeiro que fai unha labor exemplar leve cinco meses traballando sen cobrar”, sentenciou.

Pola súa banda, as conversas co grupo municipal do PP tampouco deron froitos. O voceiro popular, Javier Bas, puxo como condición para apoiar a retribución de Álvarez a eliminación da nova ordenanza sobre a recollida do lixo, unha proposta que o goberno local cualificou de “inasumible”. A alcaldesa defendeu que a actualización da taxa foi avalada por un informe técnico e aprobada polo pleno, e acusou ao PP de “pura demagoxia” por opoñerse a unha medida que tamén aplican nos Concellos onde goberna.

O executivo de Redondela insiste en que continúa aberto ao diálogo con todas as forzas políticas, sempre no marco do interese xeral da cidadanía.