A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lamentou hoxe que o PP redondelán “non apoie as reivindicacións do sector pesqueiro e marisqueiro de Redondela” logo de que os populares denunciasen ante a Xunta Electoral Central á rexedora local polo feito de que o Concello puxese a disposición da veciñanza autobuses para acudir á manifestación “En defensa do noso mar” celebrada o domingo e Santiago.
Rivas afirma que como alcaldesa “débese aos seus veciños e veciñas” e, ante a petición de colaboración por parte da Confraría de Pescadores e Mariscadoras San Xoán, desde o Concello “apoiaron aos traballadores e traballadoras do mar”.
A rexedora local nega que exista interese electoral nesta decisión, e que o sector do mar convocou a mobilización “para denunciar a grave situación que vive o sector pesqueiro e marisqueiro” e que apoiaron ducias de colectivos e asociacións de toda Galicia, entre eles o pósito redondelán e colectivos como a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón.
Rivas afirma que é deber do Concello apoiar á Confraría porque “o mar é o medio de vida de moitas familias deste municipio, ademais dun patrimonio natural que temos a obriga de coidar e protexer”. Por último Rivas lamenta que o PP non apoie as reivindicacións do sector pesqueiro e marisqueiro de Redondela, “xa que foran informados previamente na Xunta de Voceiros da decisión adoptada polo goberno local tras a petición da Confraría”.