Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello celebra a implicación de toda Redondela a prol do galego

O domingo, día 3 de marzo, rematou en Redondela a campaña ‘Semaniña enteira’ coa que o alumnado dos institutos Chapela, Floriani e Mendiño se propuxeron falar galego. O seu reto era falalo durante 7 días as 24 h. Para este propósito o Concello de Redondela mobilizou a distintos sectores sociais para contribuír ao uso do galego e animar á poboación a empregar a nosa lingua.

O Concello quixo transmitir a todos e cada un dos axentes a súa implicación e a boa recepción ás chapas e carteis realizados para a ocasión. No eido comercial chegouse a implicar a arredor de 80 negocios, que se decidiron a falar sempre en galego durante esta semana. Pero o Concello quere animalos a que, unha vez feita a proba, continúen no seu uso e convertan o galego na súa lingua de uso cotiá.

No deporte máis dunha ducia de clubs de todo tipo (fútbol, patinaxe, atletismo, remo…) sumáronse tamén a esta campaña, dándolle unha nova dimensión ao galego en espazos deportivos onde non é frecuente. O conservatorio e a Escola de Música de Chapela, o cadro de persoal do Concello de Redondela e outras tantas persoas que se foron sumando lograron que esta iniciativa fose un éxito que abre novas portas e novos retos.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística, e a petición de varias escolas, proponse
celebrar o reto “Semaniña enteira” nos colexios públicos. Xa son varios os que amosaron o seu interese en facelo e que probablemente o poñan en marcha no mes de maio. O SNL valora positivamente a campaña tanto polo propio uso do galego en todos os ámbitos e por parte da mocidade, verdadeiro futuro do galego, senón por trasladar o debate sobre o uso, transmisión e saúde do idioma nun municipio coma Redondela “tan vencellado ao proceso de normalización lingüística”.

A Alcaldesa Digna Rivas, responsable da área de Normalización Lingüística, confía en que retos como este sirvan “para normalizar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade” e reafirma o compromiso do seu goberno “para seguir colaborando nas iniciativas que se poñan e marcha a prol da lingua”.