Sábado, 3 Maio de 2025

Concello de Redondela e Patrimonio taballam na creación dun paseo peonil e un miradoiro no viaduto de Madrid

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura e Patrimonio, Rita Pérez, mantiveron esta semana unha xuntanza de traballo por vídeo conferencia co Director Xeral de Patrimonio do Estado, Juan Tejedor Carnero, e o subdirector do departamento, Bernardino Pérez Crespo de cara a peonalización do antigo viaduto a Madrid que é un ben de patrimonio histórico “pero tamén un elemento de identidade e símbolo de Redondela”, sinala Rivas.

A petición do Concello de Redondela, a Dirección Xeral de Patrimonio realizou xa un estudo de sobre o estado do viaduto, para garantir a súa seguridade no caso de dotalo dun uso peonil.

Agora o goberno local xestionará co Ministerio de Cultura a posibilidade de facer na superficie un miradoiro “que ofrecería unhas vistas espectaculares sobre Redondela, con paisaxes sobre a vila pero tamén sobre o mar e a montaña” explica a concelleira Rita Pérez.

O Concello de Redondela expuxo ante os responsables de Patrimonio que este novo paseo peonil sobre o viaduto “dotaría dun gran valor socio-cultural ao propio monumento e m concienciaría á cidadanía sobre o seu valor histórico”. O goberno local engade ademais que sería “unha vía de acceso segura para os peregrinos que realizan o Camiño Portugués pola Costa” que chegan a Redondela desde Vigo na ruta cara Compostela. Deste xeito evitaríase que os peregrinos crucen a estrada N-552, que rexistra un elevado volume de tráfico.

O viaduto vello foi construído en 1876, e utilizouse durante case un século para o paso dos ferrocarrís entre Vigo e Ourense. En 1971 a construción da nova variante entre a estación de Redondela e Os Valos fixo que se pechase definitivamente o viaduto. Leva máis de 50 anos en desuso, e a súa reconversión nun paseo peonil e un gran miradoiro devolveríalle o esplendor a esta icona da Vila dos Viadutos.