Sábado, 3 Maio de 2025

Comezan as obras de acondicionamento e mellora do camiño Veiga dos Eidos, en Cesantes

O cese de actividade da empresa adxudicataria contratada polo anterior goberno sumada á paralización provocada pola pandemia da COVID, provocou un atraso no inicio dos traballos

O Concello de Redondela iniciará, nestes días, os traballos de acondicionamento e mellora do Camiño de Veiga dos Eidos, na parroquia de Cesantes, unha actuación longamente demandada pola veciñanza e que tería que terse comezado en setembro do pasado ano 2019.

Os traballos, adxudicados polo anterior goberno, tiveron “unha excesiva lentitude na súa tramitación” o que sumado ao cese da actividade da empresa adxudicataria, fixo que o actual Goberno tivera que iniciar, novamente, todo o proceso para unha nova licitación. A chegada da pandemia da COVID e a paralización de todos prazos adminitrativos, fixo que esta obra non se puidera comezar ata agora.

Con estes traballos, adxudicados tralo novo proceso a Construcciones Vale, o camiño Veiga dos Eidos será ensanchado xa que, na actualidade, ten unha largura insuficiente que dificulta o tránsito cara as vivendas situadas no lugar. Ao mesmo tempo se procederá á rehabilitación do firme en todo o treito –que presenta un estado deficiente– e á dotación dun paquete de firme asfáltico nas zonas puntuais onde o camiño aínda está de terra.

No proxecto contémplase, asemade, a renovación e acometidas da rede de augas fecais que tamén están en mal estado.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, salientaron a importancia destes traballos que “contribúen a mellorar as comunicacións da veciñanza da zona e a dispoñer dun acceso máis seguro ás súas vivendas”.