Domingo, 4 Maio de 2025

A Xunta sinala que a planificación escolar en Redondela responde a criterios técnicos e haberá que ter en conta as novas modalidades da lei de educación

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou onte no Parlamento de Galicia que o seu departamento está traballando “desde unha perspectiva técnica e obxectiva” para abordar a planificación educativa de Redondela de xeito que “artellemos a resposta máis axeitada ás demandas da comunidade escolar tendo en conta a nova normativa estatal en materia de Bacharelato”.

Román Rodríguez referiuse así á lei de Educación (LOMLOE) que para o vindeiro curso introduce unha nova organización do ensino que no que atinxe ao Bacharelato que vai afectar a Galicia e ao conxunto de España. “Estamos en pleno proceso de adaptación da nova lei, que vai afectar aos bacharelatos incluído o de Artes, xa que -explicou- se dividirá na modalidade de Artes Escénicas e de Artes Plásticas”.

Na súa intervención ante o Pleno da Cámara autonómica, o titular de Educación lamentou que o retraso do Goberno do Estado en publicar os currículos que deberán rexer para o próximo curso impide ás comunidades autónomas coñecer os detalles de implantación destas novas modalidades e, deste xeito, deseñar a planificación do ensino dun xeito certeiro e real.

En contacto cos centros

Lembrou ademais que o seu departamento, a través da Inspección Educativa, leva tempo mantendo reunións cos centros educativos do Concello e avaliando a situación real.

A día de hoxe, os catro institutos deste concello dispoñen de prazas suficientes para atender ao alumnado e, no caso concreto da modalidade de Artes, as solicitudes reais de matrícula apenas chegaron a unha decena. Con todo, asegurou que desde o Goberno galego “entendemos e respectamos” as demandas das familias, e comprometeuse a seguir traballando “desde o diálogo” para asegurar unha resposta axeitada “desde unha perspectiva real, técnica e obxectiva”.