Sábado, 3 Maio de 2025

A Concellería de Medio Ambiente subsana unha antiga vertedura na estrada O Pereiro en Cesantes

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela vén de resolver un problema de vertedura de augas fecais na rede de saneamento que tiña un percorrido duns 400 metros e viña afectando, dende hai varios anos, á veciñanza do cruce da estrada O pereiro coa estrada N-550 e do Camiño das Folgosas, continuando a verter no río Pexegueiro.

Esta vertedura foi posta en coñecemento da Concellería por parte veciñanza a finais do mes de xullo. O día 1 de agosto comezouse co protocolo para a detección da mesma, nunha tarefa cualificada pola concellería como “complicada”, pois foron necesarias varias actuacións, uso de colorante e inspeccións con fibra óptica ata detectar a procedencia do vertido que foi localizada a mediados de setembro.

As actuacións foron realizadas pola concesionaria do concello Aqualia, cunha comunicación constante e profesional entre os responsables e a Concellería. A veciñanza tamén participou dando conta de cando se producían os vertidos pois eran de forma intermitente. Durante as actuacións de busca foron reparadas de forma inicial na Estrada O Pereiro zonas da rede de saneamento que tiñan fisuras, pero o vertido continuaba polo que se cambiou de lugar e comezouse a traballar na contorna da canalización das estrada nacional e o resultado foi positivo.

Unha vez atopada a causa do vertido, que se debía a problemas nas xuntas da canalización situada debaixo do cruce da N-550, a empresa procedeu a primeiros de Outubro a colocación dunha manga duns 60 metros de lonxitude polo interior da tubaxe para evitar obras na calzada nacional

Aínda que a reparación foi realizada a primeiros de outubro dende a Concellería “agardou un tempo prudencial e se visitou varias veces o lugar ata poder anunciar, que salvo novas incidencias o vertido dáse por localizado e reparado”.