Sábado, 3 Maio de 2025

Silvia Fernández Táboas, primeira muller presidenta da Banda de Música Xuvenil de Xinzo

Desde este semana, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo conta cunha nova directiva na que destaca a súa presidenta, xa que, coa súa incorporación, Silvia Fernández Táboas converteuse na primeira muller que ostenta o cargo desde a fundación da agrupación.

Na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o pasado 4 de marzo, o ata entón presidente Francisco Jesús Represas Carrera anunciou a súa decisión de abandonar o cargo xunto con outros membros da Xunta Directiva, polo que esta disolveuse e abriuse o proceso de elección para unha nova. Así pois, este pasado sábado 25 de marzo foi cando Silvia Fernández Táboas presentou ante a asemblea convocada a súa candidatura, conformada tanto por membros da anterior Directiva como por novos.

Ata este sábado, Silvia Fernández Táboas ocupaba desde o ano 2017 o cargo de tesoureira da agrupación. Agora como presidenta, acompáñana ata cinco membros da anterior Directiva. Deles, dous cambian de cargo: Ángel González Lago, que pasa de vicetesorero a tesoureiro, e Manuel Collazo Francisco, que se converte en secretario tras ocupar durante tres anos o posto de vicesecretario. As tres membros restantes que continúan na nova Xunta Directiva son Ana María Acebedo Varela, Mónica Carrera Táboas e Sonia González Represas, que seguirán cumprindo coa función de vogais.

Tras as saídas da vicepresidenta Branca Represas, a secretaria María Represas e a vogal Segunda Carrera Iglesias, a nova presidenta incorporou a outros cinco membros máis tanto para suplir estas baixas como para engadir novos cargos á súa Directiva. As novidades máis destacadas son as dúas vicepresidencias que se crean coa incoporación de Alejandro Otero González como vicepresidente primeiro e Manuel García González como vicepresidente segundo. A eles súmanse Uxía Collazo Cobelo no cargo de vicesecretaria e Sara Álvarez Carrera e Javier Otero González como vogais.

A nova presidenta, coa experiencia adquirida ao exercer como tesoureira da asociación durante o últimos seis anos, en nome de toda a Xunta Directiva, declarou estar “moi ilusionada e con ganas de asumir esta nova responsabilidade na que terei a sorte de compartir proxecto con músicos/as e amigos/as e sobre todo, traballar para conseguir todos os obxectivos marcados para o próximos tres anos e que terán como eixos principais consolidar a transformación dixital no funcionamento da asociación, mellorar a transparencia e igualdade na toma de decisións; a comunicación, cohesión e coordinación coa banda e, sobre todo, gozar facendo música para seguir sendo un referente do ámbito bandístico e cultural da provincia”.

Ademais, desde a nova Directiva agradecen tanto ao presidente saínte, Francisco Jesús Represas, como ao resto dos membros da anterior Xunta o traballo realizado durante os últimos anos e o seu esforzo e preocupación pola mellora da agrupación.

FIN DE SEMANA DE ESTREA

A primeira fin de semana da nova directiva preséntase repleto de actos. Este sábado 1 de abril, terá lugar a audición do segundo trimestre da Escola de Música de Xinzo no Centro Cultural da parroquia ás 18:00h da tarde. Na audición, participarán alumnos das diferentes modalidades da Escola, unha cita na que mostrarán o aprendido durante estes últimos meses a través das súas interpretacións solistas e grupais.

A música continuará ao día seguinte, o domingo 2 de abril, coa celebración do IV Festival de Corais. Igualmente no auditorio de Xinzo ás 18:00h da tarde, esta cita anual, xa convertida en unha habitual desde 2019, contará coas agrupacións do Coro Cantemos de Salvaterra de Miño e co Coro Voces de Chenlo como convidadas para acompañar á anfitrioa, a Coral Cantares de Xinzo.

Con estas dúas xornadas cheas de música, a nova Xunta Directiva dará comezo a un período que durará ata 2026, tres anos nos que esperan poder cumprir os obxectivos marcados co fin de que a asociación continúe prosperando.