Xoves, 1 Maio de 2025

Ponteareas pon en marcha a renovación da nave de Aceros del Tea como praza de abastos

O Concello de Ponteareas licita o proxecto de rehabilitación da nave de Aceros del Tea para convertela na nova praza de abastos. O orzamento base de licitación é de 799.999,99€ e as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 21 de abril ás 23:59 horas, sendo a apertura de sobres o 22 de abril ás 14:00 horas.

O deseño interior da nova Praza de Abastos de Ponteareas na Nave Aceros do Tea responde, segundo explica o Goberno local, á necesidade de modernizar e potenciar o mercado municipal, dotándoo de mellores condicións de accesibilidade, funcionalidade e atractivo comercial. A actual praza de abastos presenta diversas carencias estruturais e organizativas que dificultan a súa eficiencia como espazo de venda e encontro cidadá.

Entre os principais obxectivos desta intervención atópanse a optimización do espazo dispoñible, a mellora da distribución dos postos comerciais para garantir a súa visibilidade e accesibilidade, así como a integración do mercado coa contorna urbana mediante a apertura da fachada posterior. Ademais, a rehabilitación permitirá crear unha praza máis sostible e eficiente enerxeticamente, reducindo o seu impacto ambiental e facilitando a súa adaptación aos novos hábitos de consumo.

Para poder financiar esta obra, o Concello de Ponteareas asinou un convenio de colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia na que comprometen unha achega económica de 800.000,00 euros destinada á execución destas obras.