O Concello de Ponteareas conta xa con 16 cámaras instaladas en oito puntos diferentes do centro urbano grazas ao apoio da Deputación que a través do Plan +Provincia subvencionou con 26.378€ este avance na mellora da seguridade no tráfico.
Ata as oficinas da Policía Local desprazáronse este xoves a alcaldesa Nava Castro, o tenente de alcaldesa Juan Carlos González Carrera. No encontro tamén estivo o tenente xefe do Posto Principal da Guardia Civil en Ponteareas, Santiago Rodríguez, acompañado de efectivos do posto local. Para González Carrera as cámaras supoñen un novo recurso para o control de tráfico en zonas de colexios públicos e moito tránsito. A oficial xefa destacou que tamén amplia as posibilidades na resolución de conflitos de tráfico.
Mellora da seguridade e redución de sinistros
As cámaras disuaden aos condutores de exceder os límites de velocidade ou utilizar o teléfono mentres conducen, explicou González Carrera ademais de contribuír na redución de situacións que comunmente causan accidentes, como o exceso de velocidade ou os xiros indebidos.
“A instalación de cámaras de vixilancia do tráfico é unha medida que pode axudar a incrementar a seguridade nas rúas do centro urbano. A mera instalación destas terá efecto disuasorio e non me cabe dúbida que reducirán as infraccións e axudarán a esclarecer contratempos de tráfico”, adiantaba o tenente xefe da Guardia Civil.
Na mesma liña, González Carrera sinalou que, en caso de accidente, as gravacións poden ser fundamentais para determinar responsabilidades legais e aclarar os feitos. “Ademais as cámaras permiten monitorear en tempo real o fluxo de tráfico e responder rapidamente a conxestións, desvíos ou incidentes.
Tamén axudarán en termos de sensibilización e educación xa que os rexistros poden utilizarse en campañas educativas para mostrar os efectos reais de condutas irresponsables.