O Concello de Ponteareas incentiva a creatividade entre os mozos e as mozas da vila mediante o concurso ‘Talento xove’, certame que pon en marcha a Concellería de Xuventude, dirixida polo edil Cristian Montes, co obxectivo de estimular ás persoas novas do municipio e actuar como canle de difusión das súas inquedanzas artísticas. O prazo de presentación finaliza o 15 de marzo.
Poden participar veciños e veciñas de ata 30 anos nas modalidades de arte plástica, banda deseñada, cociña, danza moderna, arte urbana, fotografía, música, novela curta, moda e poesía. Ademais, establécense as categorías de infantil, cadete e xuvenil.
A inscrición deberá realizarse cubrindo a ficha na oficina da OMIX situada na biblioteca municipal ou mediante o envío dun correo electrónico ao enderezo [email protected]. Tamén é posible nos centros escolares.
Toda vez que finalice o prazo, o xurado, que estará formado expertos nas diferentes disciplinas, terá en conta que as temáticas elixidas teñan que ver coa vila. As bases están dispoñibles na páxina web do Concello.
O edil de Xuventude, Cristian Montes, apunta que “somos conscientes da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade artística individual e colectiva dos mozos e das mozas, por iso poñemos en marcha este certame no que poden dar renda solta a súa creatividade desde diferentes disciplinas”.