Sábado, 3 Maio de 2025

O ‘sendeyak’ regresa ao río Tea o vindeiro 22 de xullo

A Concellaría de Mocidade organiza esta actividade que combina unha andaina cun descenso en kayak

O ‘sendeyak’ volve este verán ao río Tea. Ao abeiro do programa Mocidade Viva, a Concellaría de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó organiza este xoves 22 de xullo (17:00 horas) unha nova edición desta actividade que combina sendeirismo con descenso en kayak ao longo dunha ruta de 3 quilómetros polos bosque autóctonos do Tea, observando todos os seus recursos, e facendo o camiño de volta en kayak vivindo unha experiencia deportiva divertida e diferente. Así, as persoas participantes sairán a pé da praia fluvial da Freiza para realizar a andaina ata a Poza do Barco e regresar dende ese punto navegando.

Trátase dunha novidosa oferta deportiva e lúdica coa que o Concello de Ponteareas busca “promover entre os mozos e mozas hábitos de vida saudábeis ao tempo que se achega ao noso patrimonio natural”. A actividade vai dirixida a rapaces e rapazas maiores de 12 anos, que no caso de ser menores deben ir acompañados dunha persoa adulta. As e os interesados poden xa inscribirse enviando un correo electrónico a [email protected].

O Concello bonifica unha parte do custo da actividade, que terá un prezo final para as persoas participantes de 15 euros e que incluirá todos os materiais necesarios para realizala, así como os seguros necesarios e os monitores que guiarán aos participantes.

O edil anima a todos os mozos e mozas a participar nesta experiencia deportiva que se desenvolverá con todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.