Venres, 2 Maio de 2025

O PSdeG de Ponteareas carga contra os orzamentos da Xunta: “Son inaceptables para a nosa localidade”

O grupo municipal do PSdeG de Ponteareas expresou a súa profunda “preocupación” pola “insuficiencia” dos orzamentos presentados pola Xunta de Galicia para o próximo ano.

Segundo o PSdeG, estes orzamentos non inclúen partidas específicas e suficientes para investimentos cruciais en Ponteareas, como son o saneamento, a vivenda, o parque empresarial, así como proxectos prometidos e vendidos dende o PP, como son o novo centro de saúde ou unha nova escola infantil municipal.

A portavoz do PSdeG de Ponteareas, Vanesa Fernández, sinalou que “é inaceptable que a Xunta de Galicia non cumpra nin tan sequera cos seus propios anuncios propagandísticos de investimentos na nosa localidade, como o novo centro de saúde e a escola infantil, xa que estes non contan con ningunha partida especifica no orzamento presentado”. Os socialistas lamentan que “tan só” aparece o millón de euros comprometido xa na licitación da execución da primeira fase do saneamento en Ribadetea, “nin un euro máis”.

O PSdeG de Ponteareas insta á Xunta a revisar e modificar os orzamentos para incluír as partidas necesarias que garantan a realización destes investimentos prometidos. “Non é serio que o PP pretenda seguir tomándolle o pelo as veciñas e veciños de Ponteareas cuns orzamentos vergoñentos que non compren cuns investimentos mínimos nun dos concellos máis grandes da provincia de Pontevedra” . “Onde está o saneamento de toda Ponteareas prometido por Nava Castro?” engadiu Vanesa Fernández.

Por último a portavoz municipal, Vanesa Fernández, manifesta que “para os socialistas de Ponteareas, as prioridades son o saneamento, a vivenda e o desenvolvemento e legalización do chan industrial como un elemento xerador de emprego, así como que a Xunta de Galicia asumas as competencias impropias asumidas polo concello como son o conservatorio de música, a residencia de maiores ou o SAF“.