O concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, aclarou que o Grupo Municipal ACIP ten os partes da Policía Local ao seu dispor nas oficinas do departamento, onde poden examinalos libremente dende o mes de novembro. “Se non as examinou até hoxe sería porque non quixo”, explicou Mera.
Respecto ás fotocopias deses partes, tamén solicitadas por ACIP, Mera explica que “nas follas de servizos da Policía figuran moitísimos datos persoais de denunciantes, denunciados, persoas asistidas pola Policía, etc… que por protección de datos non se poden entregar. Por ese motivo, é necesario eliminar os datos nas copias solicitadas por ACIP”. Mera sinalou que “ese traballo de eliminación de datos persoais retrasou a entrega das copias dos partes dos 60 días solicitados”.
Mera aclarou que “nin se oculta información nin se incumpren sentenzas. González Carrera deberá explicar á veciñanza porque non examina os partes que ten a súa disposición dende hai dous meses e só lle valen as copias físicas con datos que afectan á intimidade de multitude de persoas”.
“O goberno está autorizando a González Carrera a acceder aos centos de partes diarios que está solicitando de seguido. Non sabemos se coñecer todas as actuacións da Policía é un xeito de fiscalizar ao goberno ou só pura curiosidade por enteirarse do que lle pasa á xente, pero se se piden centos de partes hai que entender que é necesario eliminar os datos persoais que afectan á intimidade e vida privada de moitas persoas, iso leva tempo e non podemos ter un administrativo en exclusiva para atender con rapidez peticións indiscriminadas de González Carrera” rematou o edil de Transparencia.