O goberno municipal vén de acometer o pago da totalidade dos proxectos financiados cos fondos europeos “EDUSI”, salvando así o risco da súa perda cando hai escasamente 5 meses, coa chegada de Nava Castro á alcaldía, aínda restaba case o 30 % dos fondos por pagar debido a unha alarmante falta de planificación na súa xestión así como tamén a unha crítica situación económica que impedía facer fronte a estes pagos millonarios antes do 31 de decembro do 2023.
A herdanza que recibimos da EDUSI por parte do anterior goberno formado polo BNG e polo PSOE foi como “unha mazá podrida”, indica a concelleira de Urbanismo e Fondos Europeos, Silvia Fernández. “Xa sabíamos que a situación da execución deses fondos non era nada boa, e así o alertamos en diferentes momentos do anterior mandato. Sen embargo, o que non esperábamos era atopar 2 millóns de euros sen executar a apenas 5 meses de rematar a súa xustificación ante Europa”, incidiu a edil.
Unha vez realizado este millonario pago en tempo e forma, o goberno municipal atópase neste momento traballando a contra reloxo para poder xustificar ante Europa a correcta execución de ditos fondos e poder así proceder ao seu ingreso. “Xa que outra das herdanzas que nos atopamos sabendo que o Concello recibiu a concesión da axuda EDUSI hai mais de 6 anos, foi a ausencia total de ingresos nas arcas municipais por un retraso completamente inxustificado na entrega da documentación a Europa”, explica Fernández.
Esta situación motivou a urxencia de que a alcaldesa, Nava Castro, acompañada pola edil da área, Silvia Fernández e o concelleiro de Facenda, Francisco Represas, mantivera unha reunión cos responsables de xestionar os fondos no Ministerio de Facenda. Na xuntanza, confirmouse o retraso na xustificación por parte do anterior goberno do BNG e do PSOE polo que se procedeu a buscar diferentes solucións entre ambas administracións.
Deste xeito, o actual goberno, liderado por Nava Castro, salvou en tempo récord, 5 meses, a execución e xustificación destes fondos europeos, que superan os 6 millóns de euros. “Grazas a un intensísimo traballo realizado en mesos de medio ano, conseguíronse desbloquear proxectos clave como a rehabilitación da nave de Aceros del Tea coa súa adquisición e execución do proxecto de consolidación estrutural, a posta en funcionamento do Centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Espazo de Co-Working, a incorporación de diferentes sistemas tecnolóxicos, e o desbloqueo da construción da residencia de artistas coa que se encontraba o proxecto por falta de fondos”, segundo indicou Fernández.
Neste sentido, a concelleira apuntou que “a veciñanza de Ponteareas non se pode permitir pagar as consecuencias dunha calamitosa falta de xestión dos máis de 6 millóns de euros da EDUSI por parte do anterior goberno BNG-PSOE” e que, por este motivo, “non vamos a tolerar as acusacións por parte da oposición e as súas mensaxes alarmistas sobre a xestións destes fondos”.
Finalmente, a edil indica que “os veciños e as veciñas poden estar tranquilos, porque o actual goberno liderado por Nava Castro fixo todo o posible para que en tempo récord estes fondos se puidesen salvar”.