Venres, 9 Maio de 2025

O BNG renova o seu Consello Comarcal Condado-Paradanta-Louriña “apostando firmemente pola xuventude”

O BNG inmerso no proceso de asembleas para a renovación dos seus cargos orgánicos vén de celebrar este pasado luns asemblea comarcal do Condado-Paradanta-Louriña. Apostando firmemente pola xuventude, elixiu ás 10 persoas que terán a encomenda de coordinar durante os próximos dous anos a acción da fronte nacionalista nos 10 concellos que integran a comarca.

A única candidatura presentada e encabezada por Mauro Chivite obtivo a confianza da militancia para afrontar os vindeiros retos da organización. En palabras do novo responsable comarcal “será obxectivo prioritario deste novo consello comarcal ilusionar, motivar e fortalecer a militancia para facer visible o proxecto do BNG en todas as localidades da comarca”

O proceso de renovación asembleario non remata aquí, pois agora é a quenda das localidades que deberan escoller as súas Responsables Locais que sumadas a representante de Galiza Nova e as electas na asemblea comarcal acabarán de configurar as 21 persoas integrantes do Consello Comarcal. Comezando así un novo ciclo que se marca como obxectivo acadar en 2024 o cambio político que precisa Galiza.