Sábado, 3 Maio de 2025

Luis López contrapón a aposta do PP polos Servizos Sociais no Condado-Paradanta fronte á “pobreza social” do PSOE-BNG

O presidente provincial centra na área social o seu encontro coa candidata Raquel Plana, a alcaldesa anfitrioa, Nava Castro, os oito responsables locais e os 56 concelleiros da bisbarra e anuncia que o PP seguirá incrementando estes investimentos nos nove municipios

O presidente do PP Provincial e da Deputación de Pontevedra, Luis López, contrapuxo, nun encontro en Ponteareas cos representantes populares das bisbarras do Condado e A Paradanta, a “forte aposta” do Partido Popular polos Servizos Sociais desde a Xunta de Galicia, cunha achega anual de 9,5 millóns de euros para estas atencións nestes nove concellos do sur da provincia, fronte á “pobreza social” na atención a maiores, dependentes e familias dos modelos que implantan PSOE e BNG nas administracións.

O tamén presidente da Deputación de Pontevedra centrou no contido social a súa reunión de traballo, na que tamén se abordaron cuestións vencelladas á campaña electoral, coa candidata ponteareana, Raquel Plana, os responsables locais, a anfitrioa Nava Castro, Horacio Gil, Pablo Castillo, Julio César García-Luengo, José Manuel Alfonso, Marta Valcárcea, Miguel Domínguez, Marisa Domínguez e Pablo Barcia, e os 56 concelleiros populares da bisbarra.

“Os cidadáns teñen que saber que o 18 de febreiro teñen que elixir entre dous modelos de atención social, o que desprega o PP consolidando e ampliando servizos e orzamentos, e o dunha maior precariedade e pobreza social de PSOE e BNG, que vemos perfectamente nestas comarcas, xa que as taxas máis baixas de cobertura do SAF e o maior abandono de quen máis o necesita prodúcese na Cañiza (24% e 62 persoas en lista de agarda), Mondariz (36%) ou Mondariz-Balneario (40%), mentres en Ponteareas e As Neves estase a remontar a malísima herdanza social deixada polo Bloque”, explicou Luis López, que alertou de que esta diminución no eido social pódese estender a toda Galicia se nacionalistas e socialistas están no Goberno galego “polo habitual desleixo e abandono que amosan con estes colectivos”.

O presidente provincial do PP, que anunciou que os populares seguirán incrementando estes investimentos sociais nos nove concellos do Condado e A Paradanta se Alfonso Rueda revalida a presidencia da Xunta de Galicia presentou un cadro informativo coas distintas partidas das liñas desta materia das que se benefician os municipios desta bisbarra.

Liña SocialPonteareasSalvaterraAs NevesMondariz
SAF784.656 €495.648 €244.368 €208.368 €
Bonos1.355.000 €612.000 €297.400 €362.200 €
Gratuidade garderías1.033.035 €412.860 €100.968 €
Atención TemperáUdiaf Arbo167.323 €Udiaf Cañiza
Inclusión Social500.612 €
Plan Concertado122.770 €34.580 €16.815 €33.630 €
TOTAL3.796.073 €1.555.088 €826.874 €604.198 €
Liña SocialArboCoveloCrecenteA CañizaBalneario
SAF231.840 €200.880 €157.680 €216.864 €48.816 €
Bonos177.400 €479.400 €121.600 €169.200 €15.00 €
Garderías15.803 €151.046 €100.698 €36.654 €46.760 €
At. Temperá253.795 €CañizaArbo253.795 €Cañiza
Plan Concertado30.223 €16.815 €16.815 €18.399 €8.408 €
TOTAL709.061 €848.141 €396.793 €694.771 €118.984 €

Luis López detallou tamén que os novos Bonos Coidado, o de Fogar -cunha achega anual de 5.000 euros para persoas dependentes- e o de complemento de Residencia -cifrado en 1.200 euros-, xa están a beneficiar desde este mes de xaneiro a 857 veciños do Condado e A Paradanta, dos que 290 son de Ponteareas, 149 de Salvaterra, 162 de Covelo, 77 de Mondariz, 61 das Neves, 40 da Cañiza, 38 de Crecente, 37 de Arbo e 3 de Mondariz-Balneario. Ademais, a gratuidade nas escolas infantís permite financiar un total de 447 prazas nestes nove municipios do sur da provincia.

Así, o presidente provincial puxo en valor que as políticas sociais e os fortes investimentos nesta materia impulsados polo PP desde a Xunta “permiten atender do mellor xeito e coa máxima calidade aos máis de 1.600 veciños das comarcas que máis o necesitan, algo que é de xustiza para mellorar a súa calidade de vida”.

E ademais, engadíu que todo este investimento anual complétase cos 40.000 euros anuais para o funcionamento das dúas Casas do Maior de Arbo, os 618.000 da nova escola infantil de Ponteareas e os 184.000 para melloras de accesibilidade e transporte en Ponteareas, Covelo e Crecente.

“O 18 de febreiro temos que elixir entre dous modelos claros, porque o que é medible non é opinable, un de apoio decidido aos maiores, dependentes, cativos familias e persoas en risco de exclusión sostido polo PP grazas ás políticas lideradas por Alfonso Rueda e un de abandono e pobreza social protagonizado por PSOE e BNG”, concluíu López, no seu encontro cos representantes públicos do Condado e A Paradanta.