Sábado, 3 Maio de 2025

Intensa actividade da Policía Local de Ponteareas para garantir a seguridade viaria

O reforzo das actuacións da policía local permitiu identificar a catro persoas por condución temeraria e unha máis que circulaba co seu vehículo sen os permisos necesarios

O Concello de Ponteareas, a través da concellería de Seguridade que dirixe o tenente de alcalde Juan Carlos González, vén de intensificar a súa labor de vixilancia en materia de seguridade viaria e de convivencia cidadá co obxectivo de responder ás demandas dos veciños e das veciñas. Esta actuación permitiu que os efectivos da Policía Local procederan a sancionar a catro persoas por condución temeraria e a unha máis por circular co seu vehículo sen os permisos necesarios. Ademais, durante as celebracións do Nadal, os axentes realizaron medicións de son en tres vivendas a petición dos propietarios para garantir o correcto funcionamento do ocio nocturno.

Grazas á colaboración da veciñanza, a concellería de Seguridade tivo coñecemento sobre unha serie de delitos relacionados coa seguridade viaria que se cometían na rúa Real durante a madrugada, a partir das 05:00 horas. Así, os efectivos intensificaron a súa vixilancia na zona e procederon a interpoñer cinco sancións. Catro delas por condución temeraria e outra a unha persoa por circular co seu vehículo sen os permisos necesarios.

No mesmo marco de reforzo das actuacións da Policía Local, os axentes realizaron tres medicións de son en diferentes vivendas a raíz das peticións dos propietarios e das propietarias co obxectivo de garantir o bo funcionamento dos locais do ocio nocturno. Segundo indicou o concelleiro Juan Carlos González, “trátase de asegurar o equilibrio entre o descanso dos veciños e das veciñas e entre o traballo do sector” e incidiu en que “aqueles locais que non cumpran coa normativa, contarán cun expediente e a posterior sanción”.

O edil de Seguridade agradeceu a colaboración dos veciños e das veciñas e apuntou que “a nosa finalidade é dar resposta ás súas demandas e garantir a súa seguridade”.